As Pontes de García Rodríguez e a destrución dun sitio arqueolóxico

48

La Opinión de A Coruña por Felipe Senen
As Pontes de García Rodríguez ten unha moi fonda prehistoria e historia en relación coa súa paisaxe e os camiños que se foron abrindo alí. Todo o que teimudamente se insiste en esborrallar e negar en nome dun mal entendido progreso e pese aos permanentes esforzos de colectivos na defensa do seu patrimonio cultural e natural. Aquí, neste espazo xeográfico de tanto interese xeolóxico e que para algúns semella apartado do mundo, sempre houbo quen se preocupou por salvar e deixar memoria do pasado e tamén quen se empeñou en esfumalo. Nin os poderes económicos e públicos, que camiñan xuntos, como diría Marx, respectan a memoria, para insistir e acuñar eses reiterados tópicos nos que nos imos maleducando: que a cultura non vende, non dá votos, son románticos que tentan contra o progreso… Quedan moitos dos que coidan que progreso é enchapapotealo todo de diferentes xeitos, e erguer ao ceo torres de Babel e fumegantes chimeneas, os que superan ao cabalo de Atila por tentar contra a planificación do futuro. Cavilan no pan pra algúns e pra hoxe e aldraxan a paisaxe e á historia, hipotecan unha urbe harmónica por autovías metidas por terras comunais, dividindo polígonos industriais e zonas residenciais sen orde nin concerto, improvisando logo pasarelas, rotondas e deixando en herdo ao porvir un enguedellado problema.


Máis alá da gran chimine da Térmica das Pontes -sabémolo ben- houbo xente do común, historiadores e sabios locais que se pararon nas súas orixes. Federico Maciñeira deixou testemuña dos sorprendentes círculos líticos e mámoas da Mourela e da serra da Faladoira, pola que aínda brincan, como na prehistoria, as greas das bestas bravas; tamén o fixo Bouza Brey que estudou os testos campaniformes da Vilavella… o sacerdote Ribera Rouco, o que sensibilizou e iniciou na súa catequese a un grupiño de leais amantes do pasado para facer pescudas, reunir materiais e ilusionar cun futuro museo. Forza de pasado que fixo nacer colectivos culturais de amigos preocupados polas orixes e a identidade, tradición que vive en colectivos como a Plataforma pola defensa do patrimonio de As Pontes. Sobranceiro e máis alá da palabrería, é o exemplar esforzo dos profesores e alumnos do colexio público de Montecaxado por formar unha representativa colección de trebellos tradicionais, que xa é o Museo Etnográfico Monte Caxado. Eles fixeron o que a Administración nin a empresa foi capaz de facer.
Endesa, furou e abriu a terra, destrui lugares e xacementos, pero dentro deso houbo quen tivo conciencia e creou e axudou a dotar de medios un gabinete arqueolóxico dende o que inventariar e prospecionar os lugares afectados. Por aquí pasou o que logo sería o futuro dos megalitistas. Aquí escoitáronse as teorías de Alonso del Real e de outros arqueólogos. Nesta que foi pioneira alianza empresa-arqueoloxía iniciáronse ou desenvolvéronse Pombo, Criado, Rodríguez Casal, Eguileta, Vaquero, Fábregas e agora Bonilla máis trinta e tantos arqueólogos, coutados polo prazo dun trimestre para actuar como forenses e acometerlle ao xacemento ante as presas das construtoras. Moitos arqueólogos téñense centrado na cuestión das Pontes. Lembraremos sempre as graciosas e atinadas sentencias do patriarcal Alonso del Real. Ilusións, palabras, esforzos e moitos, moitos cartos, millóns invertidos… pero con resultados abortados: nada quere quedar, nin a memoria. Venceron outros ostentosos intereses, os que unen e tanto moven e corrompen á dereita como á esquerda. Pese a todo, reafirmóuse cientificamente a importancia da zona no Megalitismo, con curiosas estruturas, incluso liganarias e fosilizadas, con abondancia de restos materiais. Noutrora, os titulares falaban da concentración megalítica máis importante de Europa.
O mellor observatorio natural de semellante escenario era e segue sendo aínda o altar da Mourela, coa fonte ferruxinosa e milagreira das Boliqueiras. Hai máis dunha ducia de anos que alí me levou a preocupación de Cándido Rico, empeñado, como ninguén, en sumar esforzos para sensibilizar e defender os vestixios. Falouse de experiencias reconstruidoras dos circos líticos, acudindo á etnoarqueoloxía; tamén dun ecomuseo na aldeiña da Vilavella, en relación co agro e a gandeiría, cun apartado arqueolóxico, casal coutado como unha vella lembranza do ido no perímetro da térmica. Pero todo se esvaiu, ensombrecido entre as neboeiras do esquecemento e seguiu a mandar a maquinaria pesada. Como tanques sobre os territorios do pasado, do presente e do futuro. Sen escoitar ás voces sensibles, nin aos colectivos ou aos arqueólogos. Por aquí manda a destrución. A estratéxica situación do alto da Mourela permitiu construír unha antoloxía de variados despropósitos: desfacer vellos camiños para montar un depósito de auga, e que agora xa mudou de sitio, erguer torres eléctricas, antenas e iniciar un polígono industrial que medrará desmedido a carón dunha autovía que o dividirá e coutará por unha fonda gabia e valados de aramio. Este é o mellor retrato da anomia, a degradación sociocultural, que maleduca, en progresión xeométrica na destrución e no feísmo.
As denuncias e as burocracias amoréanse nos despachos de varias direccións xerais, delegacións, na fiscalía… semellan couces ao vento, xente moza e leña verde, todo fume. Comandadas as máquinas, seguen. Estamos seguros que, no futuro que nos supera, moito se teran que lembrar de nós, por ter contribuído á destrución máis que á creación. Aínda cabe a solución dun túnel e devolverlle ao outeiro da Mourela e á fontaiña das Boliqueiras o seu genius loci, o que lle diu o nome de lugar de mouros: un mirador co mapa orientativo da bisbarra e da súa arqueoloxía, a carón dos círculos reconstruídos e das mámoas explicadas… punto ideal para iniciar un itinerario arqueolóxico que leve ao museo que falta e a outros sitios.
Hoxe o altar da Mourela, segue a ser un mirador, couto apropiado para contemplar unha antoloxía de insultos ao pasado, ao presente e ao futuro. Tamén á paisaxe e á mesma paisanaxe, que diría o chairego Manuel María. Non nos deixan máis que entonar un Dies ira. Entre todo a arqueoloxía segue a evoluír: dous pasos adiante e un atrás. Ciencia que atoutiña entre as dificuldades dos atrancos e a falla de capacidade para seducir e convencer sobre o futuro aos que se din inversores, xestores, os que nos administran e mandan. A Mourela é tamén un simbólico observatorio de moitas cousas. Coidamos que persisten os intereses en aborregar.
Felipe Senén é museólogo e técnico de Xestión Cultural

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios