A Rede Dinamizadores da Sociedade de Información en Galicia

157

A rede de dinamizadores da Sociedade da Información está formada por un cento mozos seleccionados e formados pola Consellería de Innovación e Industria. A súa misión é achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía, con especial relevancia en ámbito rural e asociacións empresariais e cidadás, coa finalidade de diminuír a brecha dixital. O orzamento previsto supera os 925.000 euros.


O obxectivo fundamental é reducir a fenda dixital, especialmente no rural galego. Trátase de que os dinamizadores impulsen as actividades nos telecentros repartidos por toda a xeografía galega, así como as instalacións coas que contan as asociacións de cidadáns e as asociacións empresariais. É dicir, a rede de dinamizadores serve para aproximar as novas tecnoloxías a aqueles grupos que presentan un maior risco de exclusión: poboación rural, maiores, colectivos desfavorecidos, etc.
Cursos de alfabetización dixital
Entre as accións que levarán a cabo os mozos integrantes da Rede de Dinamizadores da Sociedade da Información en Galiza están a realización de cursos de alfabetización dixital e cursos especialmente dirixidos a colectivos con risco de exclusión.
Á súa vez son os encargados de identificar os servizos dispoñibles na actualidade que poidan ser de utilidade para os colectivos para os que traballan. Tamén sinalan os servizos que están desenvolvidos de modo deficiente, coa finalidade de que se inclúan o seu desenvolvemento no Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información.
Dous anos de contrato
A contratación destes mozos é inicialmente por un ano directamente pola Xunta. Existe a posibilidade doutro ano máis de contrato polas entidades colaboradoras, co financiamento de ata o 85 % por parte da Consellería de Innovación e Industria. A Xunta prevé investir 200.000 euros do total do orzamento en financiar estes contratos.
O proxecto lanzouse en setembro de 2006 e conta con tres fases. Na primeira, os bolseiros recibiron formación teórica durante 240 horas. Este período desenvolveuse entre setembro e decembro de 2006 dividido en dous cursos, un de contido tecnolóxico e outro de habilidades de dinamización.
En contacto cos cidadáns
Na segunda fase, que é a que se está a desenvolver actualmente, os bolseiros reciben formación práctica. Durante nove meses, de xaneiro a setembro de 2007, os dinamizadores traballan directamente coas entidades colaboradoras. Entre elas hai telecentros dependentes de concellos, asociacións de cidadáns e asociacións empresariais.
Xa por último, na fase tres, a partir de setembro de 2008, os dinamizadores estarán contratados directamente durante un ano por entidades colaboradoras, para que sigan facendo as funcións de dinamización da sociedade da información.
A formación inicial, da fase I, estivo centrada en tecnoloxía e de habilidades de dinamización. Na segunda fase traballan directamente cos cidadáns, polo que poden comprobar de primeira man as oportunidades que a sociedade da información ofrece a cada colectivo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios