Manuel Morán: ‘O ensino público non pode ser unha academia do software privativo’

57

Lendo mancomun.org:
“Mancomun.org entrevistouse con Manuel Morán, profesor de ciclo superior de informática no I.E.S. Chan do Monte en Marín que conseguiu legalizar todo o software do seu centro de traballo grazas ao emprego do Software Libre. Ademais o emprego de tecnoloxías abertas permite ao Chan do Monte ser un instituto dinámico e sempre activo con servizos innovadores a disposición de alumnos e profesores. Esta experiencia é un caso de éxito na aplicación do Software Libre non só polo importante aforro económico senón tamén por ser xerme de proxectos de gran calado coma Traducíndote e pioneira na migración dos centros educativos a unha tecnoloxía máis axeitada ás necesidades educativas.”…

manuelmoran1.jpg


…”A introdución da informática nos centros de educación secundaria resulta nalgúns casos unha tarefa tan complexa coma necesaria. Ademais da falta de persoal cualificado para a administración do sistema os centros deben realizar importantes investimentos para poder adquirir equipos que en moitos casos quedan obsoletos ao pouco tempo. Esta situación leva a unha práctica estendida nos centros coma é adoptar software privativo sen abonar a correspondente licenza.
Manuel Morán no CPD do centro
Manuel Morán (na foto de enriba no centro de proceso de datos do centro), profesor de formación profesional no IES Chan do Monte en Marín, atopouse á súa chegada ao centro que gran parte do software era pirata. Morán considerou que a legalidade non era algo opcional e que era tirar pedras contra o futuro laboral dos seus alumnos que, en moitos casos, vivirían de vender licenzas de software. Detectada esta situación decidiu falar coa dirección do centro que lle encomendou a realización dun estudo do custo que suporía legalizar todo o software. O estudo concluíu que eran necesarios 33.000 euros para actuar de acordo coa lei, unha cantidade inasumible.
“O estudo incluía legalizar o que non tíñamos legalizado: Windows e outro software Microsoft coma Office, Macromedia MX, o antivirus Panda do que tíñamos moi poucas licenzas e que ademais eran caras, Oracle, outro pastón… Todo moi caro ata con licenza educativa.”
De xeito paralelo á legalización do centro, Morán quería ofrecer servizos informáticos a un centro con 700 alumnos e 200 equipos onde se imparte a ESO, o bacharelato, catro ciclos medios diferentes e tres ciclos superiores diferentes nun instituto que está aberto de 8 e media da mañá a pasadas das 11 da noite. Todas estas razóns levárono a decidirse por implantar Software Libre no centro.
A implantación
Á chegada de Morán ao centro no curso 2003-2004 os servizos corrían baixo un servidor Windows Server 2003. A primeira decisión foi cambiar a servidores Samba e implementar servizos sobre eles no curso 2004-2005. Unha vez que o claustro deu luz verde á introdución do Software Libre nos clientes en setembro do 2006. Os profesores do departamento de informática traballaron durante o mes previo ao comezo das clases no cambio de tal xeito que alumnos e docentes atopáronse co novo sistema xa totalmente implantado.
A través da licenza Windows MSDNAA todos os equipos do centro poden contar cunha versión de Windows XP. Ademais o centro conta con máis de 200 licenzas do programa de seguridade informática AntiVir. O resto de aplicacións informáticas son libres: OpenOffice.org para ofimática, 7Zip para compresión de arquivos, VLC para os arquivos multimedia, Winscp para FTP… ou freeware coma CDBurner Xp ou NXClient. Ademais cada equipo conta cunha distribución Fedora ou Mandriva e para os servidores emprégase CentOS.
Estes cambios nas tecnoloxías empregadas e modificacións no temario das materias impartidas, máis centradas no Software Libre, permitiron contar cun centro con toda a tecnoloxía en regra por 1.700 euros.
Reaccións
Houbo diversidade de reaccións entre o profesorado pero o apoio dos docentes e especialmente do seu departamento fixeron posible o cambio.
“Había xente que estaba moi metida, había xente que non entendía as miñas opinións sobre a legalidade das licenzas como se a legalidade fose opcional. Eu creo que hai que cumprila sempre. Ás veces houbo reaccións que non entendías tipo: “se todo o mundo o fai por que imos ser os únicos pringados que teñamos que esforzarnos e cambiar os nosos programas”. Pero salvo estas pequenas discrepancias as reaccións dos meus compañeiros de informática ían encamiñadas a entender o asunto. Quizais non contaban cun entusiasmo coma o meu pero desexaban entender o problema. Cando razoas as cousas a xente é comprensiva“.
A adaptación foi máis fácil se cabe entre o alumnado e os profesores doutros ciclos formativos, E.S.O. e bacharelato. Moitos, segundo Morán, nin sequera percibiron o cambio a OpenOffice.org e os novos servizos supuxeron unha grande comodidade para docentes e alumnos.
Os titulados do I.E.S Chan do Monte saen cunha formación mixta en software privativo e libre moi importante que facilita a inserción laboral nas empresas.
“O que che din algúns alumnos é que hai empresas que son todo Windows e non queren oír falar de Software Libre. Noutras son todo windows pero cando lles falan de Software Libre son permeables: Sabes montar o servidor web en Linux?… Pois imos tentalo. Un pouco o que fixen eu aquí. Dando solucións ás empresas que non se expuxeron. Ou son impermeables ou son eles mesmos quen lles axudan a implantar estas solucións.
Un alumno de aquí sae moi ben preparado nas dúas tecnoloxías e saben que son capaces de propoñer unha alternativa tecnolóxica. Non co obxectivo de cambialo todo senón que hai cousas que non ten sentido mantelas en Software Privativo por seguridade, custo, versatilidade…”
Dada a maneira de entender o traballo do Software Libre os alumnos contan cun estímulo engadido ao saber que non teñen outro límite que o seu esforzo e talento á hora de programar. Bo exemplo é o alumno do ciclo de desenvolvemento de aplicacións informáticas Óscar Hermida que desenvolveu Traducíndote: unha aplicación web que permite a tradución de documentos gardando o formato entre diversos pares de linguas aproveitando tecnoloxías abertas. Previamente Hermida desenvolvera un wiki que dinamizou a relación entre compañeiros do centro e que tivo unha gran acollida.
Un centro sempre en funcionamento
A capacidade de estar en funcionamento despois de que soe o timbre de saída é a verdadeira achega do Software Libre ao centro.
Toda a información do centro está na páxina web: horarios, titorías, materiais, noticias, asociacións de nais e pais de alumnos, recursos educativos, dicionarios, actividades… Grazas á autentificación centralizada os alumnos teñen acceso aos exercicios e apuntamentos que os profesores deixan no servidor (o servizo estrela) e un servizo de escritorio remoto, poden xestionar o acceso a internet das aulas e as faltas ou páxinas web persoais con contornos LAMP.
Outra das posibilidades máis atractivas son os servidores de aplicacións polo cal equipos xa obsoletos poden funcionar perfectamente servindo como terminais tontos dun equipo máis potente. Deste xeito conséguese un importante aforro e reciclaxe de equipos.
Aula de informática do IES Chan do Monte
Para facer funcionar este sistema é necesario o traballo conxunto de todos os profesores do departamento no mantemento. A través dun reparto de horas asignadas a esta fin e dun sistema de incidencias os docentes combinan os seus coñecementos.
“Somos seis profesores de mantemento. Ao principio todos faciamos todo e iso mostrouse como unha forma de traballar bastante custosa no sentido de que temos moi poucas horas consignadas ao mantemento e ocupamos demasiadas horas en comunicarnos. Ao final decidimos repartir moito as tarefas e comunicarnos o menos posible. Eu dedícome en exclusiva aos servidores, hai unha compañeira que se dedica á web e a algunhas aulas e o resto de compañeiros están asignados a aulas. Nas aulas estráganse continuamente todo tipo de cousas entón temos 30 e pico horas asignadas a mantemento.
As nosas capacidades están ben distribuídas, somos un bo equipo e imos tirando moi ben e comunicámonos por un sistema de xestión de incidencias tan sinxelo como unha lista de correo. Se a incidencia nos incumbe tratámola e se non o borramos.”
Esta forma de xestión do centro non só consegue un funcionamento eficiente e unha resolución áxil dos problemas senón que supón a formación continua do alumnado e do profesorado nas tecnoloxías da información e da comunicación.
Unha experiencia con continuidade
A tenor do visto Manuel Morán considera a experiencia positiva “unha das sorpresas máis positivas é que tampouco é imposible”. Para el unha das claves foi non impoñer o Software Libre senón explicar as súas vantaxes e que o cumprimento da lei non é opcional.
“Sorprendeume para ben que ao final o cambio non foi tan grave. Tampouco vou polos corredores coma unha persoa proscrita. E a xente non me sinala e di ‘Ese é o tío que nos quitou Word’. Por parte do equipo directivo e o profesorado houbo plena comprensión porque todo o mundo entendía que había que cumprir coa lei. ”
Biblioteca do centro
No aspecto negativo destaca a falta de interese por parte da Consellería de Educación polo seu proxecto en particular e pola innovación no eido educativo en xeral. Segundo Morán non buscan cartos porque co seu salario e a ilusión de ver que as cousas funcionan ben é suficiente. Simplemente buscan que o seu caso de éxito de mudanza tecnolóxica poda servir de experiencia a outros centros e fomentar desde a educación o desenvolvemento tecnolóxico e económico de Galicia.
O éxito dunha experiencia deste tipo descansa en boa medida na posibilidade de contar cunha persoa cos coñecementos e gañas suficientes para levar a cabo a iniciativa. Tal como nos confirma Benito Sánchez, director do departamento de informática sen o pulo e o saber facer de Manuel Morán non tería sido posible esta experiencia.
Os esforzos céntranse agora no mantemento dos servizos xa ofertados xa que un descenso da calidade nestes pode traer consigo o fracaso do proxecto existente. Arestora traballan na realización de clonados de equipos a través da rede e nun programa de autoinventariado. Ademais xa se traballa na extensión da experiencia do Chan do Monte. Un grupo de traballo do Centro de Formación e Recursos de Lugo para facer unha implantación similar nun instituto de Vilalba e noutro en Lugo. Manuel Morán reúnese co equipo destes centros que teñen implantados ciclos de formación de informática e comparte experiencias, resolve dúbidas, asesora…
En opinión de Morán o modelo é aínda máis facilmente exportable a centros que non conten cun ciclo informático xa que as esixencias tecnolóxicas son menores e habería menos problemas xa que non habería a necesidade impartir tecnoloxías privativas polo feito de ser as predominantes no mercado.
‘O ensino público no canto de dedicarse a ser un actor de dinamización do desenvolvemento de Galicia estamos a ser unha academia de Software Privado. Seguir facéndolle o xogo ás compañías comprando o seu software e formando gratis a alumnos no seu produto custa moito diñeiro e non me parece xusto nin un bo xeito de gastar o diñeiro dos contribuíntes.’ “…
Fonte: mancomun.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios