IV Repichoca: Homenaxe a Freixo. Fotos.

226

IV Repichoca por Fernando Verez


HOMENAXE AO GAITEIRO FREIXO
O 12-09-1918 nace no lugar d’O Pedrón, da daquela próspera parroquia d’O Freixo, D. Manuel Vicente Castro Fernández nunha familia asentada para a época.

freixo_web.jpg

Os nenos non tiñan o previlexio coma os de agora de facerse con calquera xoguete que se lles antoxara, por iso, aos dez anos, Manuel fabricou a sua propia frauta con madeira de bieiteiro tratando de aprender algunha peza a conta de escoita-lo cuarteto de gaiteiros d’O Chao d’O Freixo.
Había outro cuarteto chamado Os Bidueiros que se desfan dunha gaita para mercar outra mellor, xa que non había quen a puidera afinar, e Manuel, coñecido por nós agora como Freixo, faise con ela sendo consciente das limitacións do instrumento.
O irmán merca un bombo con platillos e xunto cunhas rapazas que cantaban, Manuel e a gaita arrancan para Pena de Francia a facer o aguinaldo. A xente formaba corros ó seu redor para poder velos, escoitalos e agradecerlle-los seus servizos chegando a darlles unha peseta moitos deles… Recorda Freixo que a festa duraba ata a noitiña e que algún home bebía algo de máis.
Cítano para cumplir co servizo militar; incorporase a filas, e estala a Guerra Civil, Manuel vese na obriga de desprazarse en pleno conflito a Asturias, Toledo, Alcañiz e participar na coñecida Batalla do Ebro. Ó remate da guerra ten que desprazarse a Vilagarcía d’A Arousa para completa-lo servizo, e alí coñece persoalmente a’Os Campaneiros, do que gosta presumir reafirmando a calidade deste famoso cuarteto.
Estando no cuartel adxudícano Gaiteiro Oficial do Batallón, todo un privilexio entre os compañeiros. Con seis anos de mili ó lombo podía permitiase o luxo de escapar algún día que outro do cuartel, probablemente para ver a unha moi boa moza que por alí tivo e que mesmo chegou a facerlle o traxe para casar.
Ás veces, de permiso, viña no tren ata Pontedeume e dende aquí ata o Freixo, 38 Km a pé, tendo que paga-lo fielato para cruza-la Vila d’Os Andrade. Para face-la dura camiñata alimentabase ben, comía bola de leite e pan de trigo que lle daban forza para subi-l’O Caxado, buscando a miúdo refuxio nos palleiros, para non se mollar cando lle daba de chover.
Voltou para o Freixo ó remate do servizo para casar con Victorina, a moza de toda a vida, viviron alí oito anos adicandose a estercar, cavar na roza, zoquear… e por suposto, seguindo coa sua afeción, nunca estivo mais de tres días sen tocar na gaita.
Nos anos 40 emprégase na Mina, e durante 12 meses foi ao traballo en bicicleta. Despois, alugaron unha casa no Acibido, alí tocaba a gaita na salta do lume e en calquera outra festa que cadrara. Fíxose cunha gaita de “catro voces” é dicir, catro bordóns: punteiro, ronco, ronqueta e chillón, e co fol de goma e logo marchan para As Campeiras onde se instalan durante trinta anos.
Chegou a cambia-la gaita por un acordeón, pero como non o dominaba como a el lle gustaría, foillo vender ó manco de Tra-la Ponte quedando sen gaita ata que mercou outra na Coruña. Tamén tivo un clarinete que mercou en Mera por tres pesos, pero logo se desfixo del tamén… perdía o aire todo polas zapatillas, ainda así, lembra que tocaba A Carolina enteira.
Daquela gostáballe como tocaba o gaiteiro “O Tio Manuel de Pontoibo”, “Os Garrotes de Ortigueira”, “Cheda das Nieves” e “Parapar de Freixido”, e considerabaos tamén bos amigos.
Nos anos 40/50 amenizaba festexos subido a un palco preparado para a ocasión e acompañado sempre por un caixeiro. Xa nos anos 50/60, non lembra ben, funda xunto con Grandal, á frauta traveseira, Fragachá á gaita e clarinete, e O Portugués á caixa, o cuarteto Os Ponteses. Este cuarteto comeza a ser moi solicitado polas comisións de festas de toda a bisbarra chegando a ter actuacións todolos fins de semana, o cal supuña unha grande axuda na precaria situación económica da época.
Conta Freixo a anécdota da vez que foron tocar á procesión a Fene… estando alí xa afinados e preparados cando saía a xente da igrexa, dixo O Portugués: – ¿onde vai o do Yermo? – ¡vai comprar tabaco! – contestalle Freixo ó tempo que saía xa o Santo pola porta… o caso é que cando o lembra… lle dá tanto a risa que non sabemos ben como acabaría o conto…
Máis adiante, formou parte tamén da charanga Palla Mollada creada n’As Campeiras.
Antes facía el os pallóns da gaita coas canas dos foguetes, pero agora a vista non lle dá para poder facelos, pasa algo parecido con “outras cousas” que hoxendía, dí Freixo, resultan duras… manda carallo, fai este comentario á vez que prende un cigarro con gran axilidade…
A Manuel góstalle mais o gaiteiro solista ou a parella a dúas voces que as agrupacions de moitos compoñentes, e a súa gaita preferida é a Grileira; coñece é góstalle a música de Treixadura e tamén nos dí que el seguirá a tocar mentras non lle fallen as pernas; dalle igual unha xota que unha muiñeira… e gostanlle as gordas, e as delgadas tamén.
Á pregunta de “que lle parece a forma de tocar dos gaiteiros de hoxe en día”, contesta que a el o que máis lle gusta é levarse ben con todo o mundo e ter moitos amigos. Tamén nos comenta que hai gaiteiros que tocan moi ben, pero…, ningún é quen de tapar todolos furados á vez.
Hoxe vive na Rúa Ares.
Hai uns días, xunto a outros colegas, foron tocar a unha parroquia de Lavandeira onde seguen acodindo ano tras ano demandados pola comisión de turno.
Hai cinco ou seis anos desprazouse tamén nunha viaxe de catro días el só ata a provincia de Teruel, para ver como cambiara aquelo dende que él estivera na guerra. A viaxe cun taxista da vila custoulle uns “20.000 pesos”.
Está encantado coas Foliadas que facemos no Lar onde el participa habitualmente igual que calqueira outro rapaz.
O seu fillo Abel, xa heredara algo do sentido musical de seu pai, iso sí, con guitarra e harmónica ó estilo “Bob Dylan” que era quen marcaba as tendencias na época…. e a bisneta Iria parece ser quen vai a seguir coa afecion de D. Manuel.
A día de hoxe, e que a nós nos conste, non hai en todo o País outro gaiteiro en activo que leve máis de setenta e cinco anos tocando a gaita con tódalas facultades e con tanta forza como o señor Freixo, que conta xa con 88 anos. Os gaiteiros d’As Pontes témo-la obriga na compaña de todolos asistentes a celebrar con él, este pequena homenaxe que ten ben merecida.
As Pontes, a 19 de Maio do 2007

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios