A CONSELLARÍA DE CULTURA LEVANTA A CAUTELA SOBRE OS RESTOS DO CÍRCULO LÍTICO DA MOURELA, NAS PONTES

56

Xunta de Galicia – Consellaría de Cultura e Deporte – Información aos medios
• Cultura prorrogou sucesivas veces as escavacións desde 2005 para documentar exhaustivamente os restos
•A Consellaría remitiu hoxe o levantamento da cautela tras recibir notificación da Consellaría de Obras Públicas da imposibilidade de alterar o trazado da autovía Ferrol-Vilalba
• O estudo de impacto ambiental do ano 1999 non detectou a existencia destes restos, que se viron afectados polo proxecto da devandita autovía
• Na zona próxima aos restos do círculo lítico existen tres mámoas ás que non lle afectarán as obras da autovía

Descargar nota de prensa en PDF

Ánxela Bugallo e Felipe Arias Cultura Galega?


Santiago, 5 de xuño de 2007.- A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantou hoxe a cautela arqueolóxica que existía sobre os restos do círculo lítico da Mourela, situados no concello das Pontes e afectados pola autovía Ferrol-Vilalba. Cultura autoriza a continuación das obras tras documentar a fondo desde xuño de 2005 os restos do círculo e tras recibir informe da Consellaría de Obras Públicas desestimando unha posible alteración do trazado. A Consellaría mantén a protección en 3 mámoas próximas ao restos do círculo, así como a supervisión arqueolóxica das obras por se aparecesen novos xacementos.
No caso do círculo lítico da Mourela, que fora descrito e fotografado por Federico Maciñeira e recollido en publicacións das primeiras décadas do século XX, a estrutura xa fora desmantelada, xa hai moitos anos, para empregar a súa pedra nas obras da antiga estrada, sen que quedaran dela restos visibles en superficie.
Este elemento, desaparecido na súa parte visible e non localizado nos estudos previos feitos en 1999 para a elaboración do proxecto construtivo, veuse afectado pola execución do trazado da Autovía Ferrol-Vilalba. Deste xeito, para o círculo lítico da Mourela, que constaba como desaparecido, sen localización precisa nos estudos e sen medida correctora específica, estimouse necesario no ano 2004 por parte de Patrimonio Cultural o establecemento dunha zona de cautela para, posteriormente, –en xullo de 2005- iniciar a súa escavación. Os últimos traballos, rematados en abril de 2007, foron dirixidos polo catedrático de Prehistoria da USC, Ramón Fábregas, e por Andrés Bonilla, e neles participaron durante 90 días un total de 30 persoas entre arqueólogos, edafólogos, debuxantes e outro persoal técnico.
Só quedaban as improntas do círculo
Conforme recolle o informe técnico valorativo destes traballos, neles comprobouse que os círculos líticos da Mourela que dera a coñecer Federico Maciñeira xa non existían como tales e só quedaban as improntas dalgunhas daquelas pedras na terra, elementos menores e algunhas marcas complementarias. Na escavación exhaustiva da área, ata o substrato natural documentouse tamén a presenza de restos da improntas e materiais asociados a unha construción de época medieval.
Os restos achados (fundamentalmente pezas de cerámica e algún material lítico) foron retirados e gardados en instalacións do Concello das Pontes á espera de seren expostos ao público, en primeiro lugar nunha mostra expositiva neste mesmo ano e, logo, seren integrados nun posible museo comarcal. A Consellaría colaborará neste proxecto, e para a montaxe da primeira exposición contribuirá cunha axuda de 21.000 euros.
As mámoas non están afectadas
O resto dos xacementos arqueolóxicos localizados nesa área, os denominados túmulos tan só están afectados en parte do seu ámbito de protección, non no xacemento mesmo, polas obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba. Estas mámoas son visibles e recoñecibles, e para elas trazáronse uns ámbitos de exclusión de obras nos estudos arqueolóxicos levados a cabo con motivo da elaboración do proxecto construtivo da autovía, establecéndose as medidas protectoras e correctoras necesarias para que se conserven na súa integridade.
Resolución remitida hoxe á CPTOPT
En data 23 de abril a Consellaría de Cultura e Deporte dirixiuse á de Política Territorial solicitándolle información sobre a posibilidade de variar o trazado ou executar un túnel nesa zona da autovía. Visto o escrito de resposta da Dirección Xeral de Obras Públicas (CPTOPT) de data 4 de xuño de 2007 no que se sinala a imposibilidade técnica e orzamentaria para proceder á modificación do actual proxecto de execución do trazado do citado treito da autovía Ferrol-Vilalba, e á vista de toda a documentación, dos datos que obran no expediente e dos informes dos Servizos Técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución informando favorablemente a continuación das obras da Autovía Ferrol-Vilalba, treito As Pontes Cabreiros, na área cautelada da Mourela, baixo as seguintes condicións (extracto da resolución):
– Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.
– As vías de servizo previstas no contorno dos xacementos de A Mourela en ningún caso deberán afectar ós seus ámbitos de exclusión, polo que será preciso se acometan os axustes necesarios no seu trazado. En relación co vial previsto de reposición da estrada actual, naqueles treitos nos que discorre próximo ás mámoas da Mourela, deberase valorar a súa incidencia polo equipo do control e seguimento arqueolóxico, o que no seu caso conlevará un recoñecemento exhaustivo dos terreos e incluso o control da súa limpeza se fose necesario. As solucións construtivas que se adopten en relación con estes viais, ou calquera obra auxiliar neste contorno, terán que remitirse xunto co informe do equipo de control e seguimento á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o establecemento, no seu caso, doutras medidas correctoras.
– A totalidade dos traballos de remoción de terras nesta área deberán facerse baixo a supervisión do equipo de control e seguimento arqueolóxico das obras de construción da estrada de referencia, que presentará ao seu remate un informe dos resultados. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso das obras de construción, dita circunstancia terá que ser comunicada á maior brevidade á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para que como organismo competente na materia decida sobre a conveniencia de establecer novas medidas protectoras e correctoras.
Estes traballos desenvólvense baixo a supervisión do arqueólogo director do proxecto de control e seguimento arqueolóxico para evitar calquera afección sobre xacementos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección ou que polas súas características non sexan perceptibles en superficie.
SAÚDOS
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLARÍA DE CULTURA E DEPORTE

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios