COMUNICADO_ADEGA_PLATAFORMA

46

A Asociación Ecoloxista ADEGA e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, expoñen:
Hoxe, día 5 de xuño, día mundial do medio ambiente o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Galiza borrou dun plumazo o Círculo Lítico da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez. A media mañá de hoxe varias máquinas entraron no xacemento destruindo o mesmo en superficie. Ademais a situación na que quedan as tres mámoas da necrópole é insostíbel, dado que unha gabia de máis de 50 metros de profundidade atravesará este conxunto pola metade.
Ante esta situación, cremos que se repetiron os erros do pasado e non se fixo ningún intento por parte da Administración por dar transparencia a esta destrucción.
Ignorouse ademais a alternativa da execución dun túnel presentada polas nosas organizacións, que no mes de novembro de 2006, contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, que confiaba nesta alternativa como solución á destrucción.
Hai que sinalar que a Lei do Patrimonio Cultural Galego, esixe a formulación e o estudo de tódalas alternativas existentes denantes de destruir o patrimonio. Cremos que no caso da Mourela a Lei non estivo vixiante.
A decisión de construir un túnel que salvagardara a necrópole megalítica non era unha cuestión económica nin legal, era unha decisión política, polo que consideramos que a Administración tomou o camiño equivocado.
Por isto dende ADEGA e a Plataforma, pedimos a demisión do Dir. Xeral de Obras Públicas D. Manuel Morato, por non estudar a alternativa existente e coaccionar á Dir. Xeral de Patrimonio, na toma desta decisión.
Logo de apoio público da Dir. Xeral de Patrimonio á alternativa do túnel lamentamos profundamente que o seu director xeral D. Felipe Arias, non tivese a entereza suficiente para esixirlle á Dirección Xeral de Obras Públicas a valoración e o estudo da alternativa do túnel e en consecuencia pedimos que os responsábeis desta situación, demitan.
Ademais aproveitamos este comunicado para anunciar a activación dun dispositivo de loita activa contra a especulación do noso Patrimonio arqueolóxico, que inclúe medidas de carácter social e legal.
Durante a xornada de mañá anunciaremos as diferentes movilizacións que se producirán durante os vindeiros días como repulsa a este Atentado Patrimonial.
Hoxe é un día triste para a arqueoloxía en Galiza, mais tamén o é para a Cultura Galega. Os veciños das Pontes non aturaremos máis destruccións do noso Patrimonio, coas nosas mans conseguiremos virar o rumbo desta nave da sinrazón e por a nosa proa na dirección axeitada, que remate dunha vez por todas coa especulación do noso patrimonio cultural.

mourela4.jpg


mourela.jpg
mourela2.jpg
mourela3.jpg

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios