POLÍTICA TERRITORIAL REANUDA AS OBRAS DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA NO TREITO AS PONTES-CABREIROS

56

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes reanuda as obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), no treito entre As Pontes e Cabreiros logo de que a Consellería de Cultura confirmara o levantamento da cautela arqueolóxica que pesaba sobre o xacemento da Mourela e que mantivo paralizada ata hoxe a construción desta autovía.


Os traballos arqueolóxicos na zona da Mourela remóntanse a marzo de 2003, cando o Concello das Pontes puxo en coñecemento da CPTOPT a posibilidade de que o proxecto de autovía podería afectar a un antigo xacemento. A partires de aí iniciouse unha liña de traballo coordinado entre Política Territorial, a Consellería de Cultura e o Concello das Pontes para localizar unha obra patrimonial que estaba inventariada pero que se entendía desaparecida.
Despois efectuar traballos de limpeza da zona e observar o alcance do círculo lítico, determinouse un proxecto de escavación arqueolóxica a desenvolver que contaba con todas as garantías legais esixidas e que tiña como obxectivo determinar a entidade do xacemento.
Tras un período de prospeccións, -xa a principios deste ano e de novo en coordinación con Cultura e o Concello das Pontes-, decídese contratar a un equipo de expertos arqueólogos profesionais dirixidos polo catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Fábregas, para continuar cos traballos arqueolóxicos. Este equipo, de máis de 30 profesionais, realiza unha exhaustiva e intensa labor entre os meses de xaneiro e abril deste ano (mesmo se habilitou unha carpa para poder traballar nos meses de inverno).
Rematados os traballos, o equipo de arqueólogos elaborou un informe de resultados e valoración que se remite á Dirección Xeral de Patrimonio. En dito informe queda reflectido que todos os elementos arqueolóxicos detectados foron documentados, fotografiados e levantados topográficamente. Así mesmo, todas as mostras foron remitidas a laboratorio para determinar, se fora o caso, o seu intereses museístico. Polo tanto, realizouse unha exhaustiva labor de documentación e inventariado de todos os elementos co fin de, se fora o caso, realizar unha memoria interpretativa deste antigo xacemento.
Tralo remate dos traballos descritos e despois da análise do informe e da resolución da Consellería de Cultura -a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural- de levantar a cautela establecida sobre a área ocupada polos restos do círculo lítico da Mourela, a CPTOPT reanuda a construción do treito de autovía As Pontes-Cabreiros, ata o de agora paralizado.
A CPTOPT executará o proxecto da autovía entre As Pontes e Cabreiros nos termos nos que foi aprobado e, a maiores, incorporará as recomendacións establecidas pola Consellería de Cultura como son o balizamento do resto dos elementos patrimoniais do xacemento que foron excluídos da zona de cautela (concretamente as mámoas identificadas como Mourela 4, Mourela 6 e Mourela 7) e a redución das dimensións dos noiros proxectados preto destas mámoas.
A CPTOPT estima que a construción deste treito, de nove quilómetros de lonxitude, estará concluída a finais deste ano ou a principios do vindeiro 2009, aínda que estas previsións dependerán en última instancia das condicións climatolóxicas que se dean nos meses do outono e inverno próximos.
O treito As Pontes-Cabreiros forma parte da autovía entre Ferrol e Vilalba, que consta de 56 quilómetros dos cales 33 xa están en servizo. Esta autovía permite articular a comarca de Ferrol e o norte da provincia da Coruña coa Autovía do Cantábrico A-8 e, a través dela, comunicar cara o norte con Asturias e a cornisa cantábrica e, cara o sur, coa A-6.
http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/19?area=2&orden=312&buscar=1

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios