A SGAE abrirá as súas portas en Santiago o próximo mes de outubro

47

Xeración Web. A sede galega da Sociedad General de Autores y Editores comezará a funcionar na segunda quincena de outubro. Así o explicou o director da SGAE para o Noroeste, Javier Vidal, que se reuniu co alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo para comunicarlle o avance das obras e planificar conxuntamente os actos de inauguración.


E o día seguinte á inauguración, para a que aínda non hai data definitiva, comezarán as “actividades culturais e formativas”, segundo explicou Vidal. Polo momento descoñécese o programa que desenvolverá este centro, que será presentado pouco antes da estrea do inmoble.

Colaboración coas entidades locais

Á nova sede só lle queda por incorporar o mobiliario de oficina para que o edificio poida comezar co seu labor cultural. Precisamente para poder realizar estas actividades, a asociación sen ánimo de lucro solicita a colaboración do Concello de Santiago, e doutras entidades como A Universidade compostelá, ou o IGAEM, que posúen cadanseu edificio no parque.
Estas colaboracións están destinadas a que a sede galega se erixa como “foco creativo, axitador cultural e un referente dunha actividade con alta participación da cidadanía”, segundo declarou Vidal.
Neste punto, indicou que a actividade formativa se centrará en “estudos de alto nivel”, dirixidos a “profesionais, non só de Galicia, senón do mundo iberoamericano”.
A idea da sociedade xestora é crear unha rede entre as distintas sedes da SGAE, de xeito que “autores galegos poidan ir presentar os seus traballos ás nosas sedes en Barcelona, Buenos Aires o México, e viceversa”, explicou.

Ano e medio de traballo

As obras da sede da rúa Salvadas, que custou uns 10 millóns de euros, comezaron en abril do 2006, e remataron nun tempo récord. Nótase que o negocio da música vai vento en popa. O fino edificio posúe 3.000 metros cadrados de espazo utilizable, a maioría del na parte inferior, que conta cun auditorio, un plató de rodaxe, salas de gravación e salas multiusos. Por riba, toneladas de granito en asimétricos bloques.
Con todo, a vista ‘granítica’ non é a súa mellor perspectiva, nin tampouco o é a visión que pode ter un peón dende o outro lado da rúa. O edificio, coma os xardíns do pazo de Versalles, está pensado para verse dende arriba, pois dende o ceo imita o paréntese presente no logo da asociación. Unha mostra máis do presente que ten a SGAE a Internet e ás novas tecnoloxías, ó facer que a súa mellor vista só se poida contemplar dende o Google Earth.
O deseño do edificio, obra do arquitecto Antón García-Abril, xerou opinións para todos os gustos, pero hoxe foi considerado polo alcalde de Santiago como “a peza que completa” o parque de Vista Alegre, e que “mellora” o conxunto do barrio.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios