O reparto dos dereitos de emisión de CO2 favorece as centrais térmicas de carbón

37

Xornal.com. O Goberno central e a Xunta están de acordo no apoio ás centrais térmicas de carbón das Pontes e Meirama, segundo grupos ecoloxistas galegos.


Ecologistas en Acción, Greenpeace e Verdegaia denuncian que a proposta de asignación individualizada de dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2) ás centrais térmicas favorece o carbón, malia seren as térmicas que emiten máis CO2 por KWh. “A proposta do Goberno estatal parece contar co apoio da Xunta, que prefire ignorar que as centrais térmicas son as maiores fontes de gases causantes do cambio climático en Galicia, mentres continúa sen presentar o documento do Plano Galego de Redución das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro”, explican dende as asociacións.
A proposta de asignación individualizada é resultado do Plano Nacional de Asignación de dereitos de emisión (PNA) para o período 2008-2012. A proposta non se refire á central de ciclo combinado a gas natural de Sabón. “Considerando as outras tres centrais térmicas que funcionarán en Galicia durante os próximos anos, o reparto por combustibles resulta enormemente favorable ao carbón, facéndoo economicamente máis atractivo para as empresas eléctricas, desincentivando de xeito indirecto os investimentos en enerxías renovables, que como está demostrado poderían chegar a abastecer toda a demanda eléctrica do Estado español, proporcionando un sistema cun nivel de emisións nulo, xerarían máis emprego e retorno social dos investimentos, e permitirían a independencia enerxética, entre outras cousas. No caso das dúas centrais de ENDESA nas Pontes, a asignación á de carbón é setes veces superior á de gas natural. A central de carbón das Pontes é o maior foco emisor de CO2 de toda España, cun nivel de emisións semellante ás dun país como Luxemburgo”, relatan dende Ecologistas en Acción.
Os dereitos de emisión expresan a cantidade de CO2 que poden emitir de forma gratuita as centrais térmicas e as demais industrias que participan no comercio europeo de dereitos de emisión. Dados os baixos prezos atinxidos até agora pola tonelada de CO2, debido ás xenerosas cantidades de dereitos gratuítos atribuídas para o período 2005-2007, o papel desincentivador dunha tecnoloxía tan ineficiente e tan contaminante como a produción eléctrica a partir de carbón que debería desempeñar o comercio de emisións ten sido “moi débil”. “Proba diso é que as emisións totais das centrais de carbón das Pontes e de Meirama nos anos 2005 e 2006 foron case un 30% superiores ás asignadas gratuitamente”, sinalan nun comunicado os grupos ecoloxistas.
Alén diso, o PNA 2008-2012 permite ás empresas do sector eléctrico a agrupación de instalacións, é dicir, poden pór en común todos os dereitos que lle son atribuídos e tomaren do fondo común axustando as contas entre elas, se lles resulta más vantaxoso que compralos no mercado. Deste xeito, dilúese o xa pequeno incentivo do comercio de emisións para premiar as tecnoloxías menos emisoras, como o ciclo combinado a gas natural, e penalizar as máis emisoras.
Ecologistas en Acción, Greenpeace e Verdegaia lamentan que as Consellerías de Industria e de Medio Ambiente da Xunta non teñan feito nada para demandar do Goberno estatal “unha forte restrición da asignación de dereitos de emisión ás centrais de carbón, que supoñen un 40% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro”. Tamén critican que o Plano Galego de Redución das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, “non prevea ningunha acción en relación coas térmicas, segundo o anunciado pola Consellería de Medio Ambiente”. “A drástica redución das emisións das térmicas debería ser un dos eixos principais do Plano, xunto co aforro energético, as renovables e a reconversión ecolóxica do transporte”, din os ecoloxistas.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios