O sector do turismo nas Pontes aínda está empezando a explotarse

69

fernanda pita.jpg
[La Voz de Galicia] Fernanda Pita é unha das socias propietaria do Hotel Pontes do Eume, o primeiro centro de dúas estrelas que se puxo en marcha na vila pontesa, e que abriu as súas portas o pasado día 1 de xullo no número 10 da rúa Rita Rivera Chao. Esta construtora ten 41 anos e é natural de Vilalba, aínda que, cos anos que leva vivindo nas Pontes, xa se considera pontesa.


O turismo é un sector que, ata agora, non destacaba nesta vila, pero Fernanda Pita está convencida de que esta situación vai camiño de mudar nos próximos anos.
¿Que significa a apertura deste hotel para a vila?
Trátase da nosa resposta a unha demanda real que existía nesta poboación. Había un mercado para elo, porque a xente que viña de paso, moitas veces tiña que ir pasar a noite fóra da vila, por exemplo, a Vilalba, así que facía falla cubrir este servizo; ata o de agora aquí só había pensións ou hostais. Nós ofrecemos cuartos amplos, dobres e individuais, suite, cafetería, lavandería e Internet por wifi e cable. O cadro de persoal está formado por dez persoas, todas elas das Pontes ou dos arredores.
¿Que tipo de usuarios recibiron no hotel, por agora?
Veñen, sobre todo, traballadores de diferentes empresas, que teñen que trasladarse ás Pontes temporalmente por motivos laborais. Estes son a maioría dos usuarios que temos, pero tamén hai persoas que acuden por acontecementos sociais, como vodas ou calquera outro tipo de celebracións.
¿E como ve o sector do turismo nas Pontes? ¿Cre que ten saída?
O sector do turismo nas Pontes aínda está empezando a explotarse, está por descubrir, pero creo que ten futuro. Estamos moi contentos pola acollida que ten o noso hotel entre os veciños e visitantes. E este éxito supoño que motivará a apertura doutros hoteis nesta zona.
¿Cre que o peche da mina e o novo lago de Endesa fará das Pontes unha vila turística?
A curto prazo, dende logo que non, iso non vai influír, a atracción do futuro lago vai levar tempo. Pero imaxino que co paso dos anos, a presenza desta oferta de ocio nas Pontes favorecerá que a xente nos visite moito máis, e por motivos exclusivamente turísticos.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios