Indignación e sorpresa en EuroEume e nos Concellos do Eume polo comunicado de Pablo Villamar

78

Na reunión mantida o pasado luns 28 de xaneiro, polos Alcaldes do Eume, a Asociación EuroEume e o Centro de Iniciativas Turísticas Eumeturismo para valorar a información emitida polo Sr. Pablo Villamar acordouse emitir o seguinte comunicado:
EuroEume e o conxunto de Alcaldes incluidos no Plan queren denunciar públicamente a actitude do Sr. Villamar por acusar a Euroume e ós Concellos de Pontedeume, Cabanas, Monfero, A Capela, As Pontes e Vilarmaior como como integrantes de Euroume e beneficiarios do Plan, de poñer en perigo os fondos do Plan de Dinamización do Eume por non firmar ata o de agora o Convenio que os dispón. Ante as acusacións vertidas polo Sr. Villamar queremos deixar claro o seguinte:


EuroEume e o conxunto de Alcaldes incluidos no Plan (Pontedeume, Cabanas, Monfero, A Capela, As Pontes e Vilarmaior) convidaron a través dun escrito o 1 de Outubro ao Sr. Villamar a presidir un encontro coa Asociación EuroEume e con todos os Alcaldes, para debatir e consensuar os obxectivos do Plan, as accións a desenvolver e as fórmulas de xestión do mesmo. Asimesmo solicitouselle unha copia do borrador do convenio para coñecer os detalles do mesmo.
O Sr. Villamar non asistiu á citada reunión, na que Euroeume, o CIT Eumeturismo, e os Alcaldes dos seis concellos incluidos no Plan pretendían deixar claro que non se compartía a idea de destinar unha importante cantidade de recursos do Plan para crear unha oficina no territorio en lugar de destinar eses fondos a iniciativas que redundasen en beneficio dos veciños e do destino turístico do Eume, e mais existindo dúas entidades no territorio, como Euroeume e o CIT Eumeturismo, que teñen capacidade para xerenciar ese plan, e que xa levan dez anos a traballar nunha estratexia de desenvolvemento turístico, pero alén disto, o Plan implicaba unha evidente falta de consenso, dado que en ningún momento se consultou cos Concellos ou entidades do territorio as actuacións a levar a cabo, utilizándoos como meras comparsas.
O pasado 26 de novembro, dous meses despoís de non asistir a dita reunión, o Vicepresidente da Deputación enviou o texto do convenio. O texto contemplaba unhas actuacións pechadas e un orzamento para a xestión do mesmo que representa o 10 % da inversión total do Plan.
En Decembro solicitouselle unha entrevista urxente ao Sr. Villamar para tratar a mellor implementación do Plan. A carta ía asinada polos nove Alcaldes, dos tres partidos principais PSDEG-PSOE, PP E BNG, e os presidentes do CIT Eumeturismo e EuroEume. O Sr. Villamar recibiu finalmente a sete Alcaldes do territorio, e aos presidentes do CIT Eumeturismo e EuroEume o pasado luns 28 de Xaneiro, reunión onde éste informou que “o convenio perdérase, e que entendía que o mellor era abordar actuacións puntuais en cada concello”. O fin da reunión reclamouse a sinatura do Convenio, posibilidade que dixo contemplaría se administrativamente era viable.
Tal e como se lle adiantabamos ao Sr. Villamar nun escrito do pasado 19 de Xuño de 2.006, cando anunciou o Plan na prensa:
“no Eume vense traballando dende o ano 1.998 na aplicación dunha estratexia de desenvolvemento turístico. Dende entón e ata o dia de hoxe promovéronse e apoiaronse numerosas actuacións relacionadas coa Interpretación territorial e posta en valor dos recursos, a creación de nova oferta turística, mellora do destino turístico, a formación, a promoción e comercialización, etc. Os resultados deste traballo son coñecidos e visibles, pero tamén somos conscientes de que esta estratexia ainda está vixente, é dicir, estamos en plena implementación. Polo que entedemos oportuno darlle continuidade á estratexia en marcha. O obxeto desta carta é poñernos á súa disposición e ofrecerlle a nosa cooperación para o mellor desenvolvemento do territorio. Xa que estamos convencidos de que a única maneira de acadar dito desenvolvemento é a concertación en torno a un Plan ou obxectivo e a coordinación e cooperación de esforzos entre as diferentes administracións e entidades que traballan nun territorio”.
Queremos reiterar a nosa invitación para que o Sr. Villamar participe do traballo e consenso da comarca, no que xa están os Alcaldes e os axentes sociais e económicos do territorio (CIT Eumeturismo, Empresarios de Turismo do Eume e EuroEume), e pedirlle que recupere administrativamente dito convenio e implique ás entidades xa existentes na comarca na xestión do mesmo, porque únicamente arredor dun Plan consensuado podemos ter impacto e avanzar na construción do destino turísitico do Eume “Eumeturismo”, porque o respeto e o diálogo son as fórmulas para a solución dos problemas, e non a través de acusacións inxustas e falsas a través dos medios de comunicación. Pedímoslle ao Sr. Villamar que non se empecine en impulsar o Plan marxinando ás entidades que levan dez anos impulsando un Plan de Desenvolvemento Turístico no Eume. A solución está na súa man, polo que lle pedimos de novo que continúe adiante cun Plan consensuado, e que acepte que as Administracións públicas que representan aos veciños do territorio queren que se teñan en conta na xestión do Plan ás entidades que xa están a traballar no territorio.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios