A asociación Hume das Pontes presentou o número un da súa revista histórica

59

Diario de Ferrol. Tras seis de anos de vida, a Asociación de Estudos Históricos Hume das Pontes dá un paso máis na súa labor de traballar para crear conciencia local sobre o patrimonio histórico do municipio e pon a andar a revista “Hume”, que persegue os mesmos obxectivos.


O primeiro número desta publicación presentouse onte na biblioteca municipal do Concello. O acto estivo presidido polo profesor Carlos Breixo, colaborador habitual da asociación, e polo presidente da mesma, Xavier Martínez. Ademais, tamén participaron varios dos colaboradores da publiciación así como algún dos membros da revista Cátedra de Pontedeume.
“Hume” nace con carácter anual e co fin de reivindicar o patrimonio cultural, histórico e artístico das Pontes. Por elo, o artigo central da revista adicarase sempre ao estudo da vida dalgún pontés destacado por dar parte da súa vida a traballar polo pobo. Así, o número un da revista centrase na biografía de Enrique Rivera Rouco, un dos párrocos máis comprometidos coa vila. O artigo corre a cargo de José María López Ferrol, que realiza un extenso traballo analizando minuciosamente a vida e obra de Rivera Rouco.
A revista complétase con outros cinco artigos de investigación. O profesor ortegano Carlos Breixo adica varias páxinas ao estudo da Ponte de Ferros, a máis importante de todas as que atravesan o municipio. O traballo de Breixo data a construcción no ano 1621, afonda na orixe da mesma, no autor así como en diferentes datos relacionados coa histórica ponte. O presidente da asociación Hume escribe un artigo sobre a igrexa parroquial de Salvador de Pina. Trátase dun traballo de investigación ao que Xavier Martínez adicou varios anos. Nel afonda, entre outros, a historia do templo, a súa imaxinaría ou a orixe das súas cofradías. A prensa pontesa é outro dos temas abordados neste primeiro número da revista. Xosé María López Fernández investiga o diario “La Unión” que en 1915 sacou varios exemplares a rúa. Hai tamén espazo para a memoria oral da vila a través dun traballo etnográfico realizado por varios colaboradores. Unha entrevista co director do corto rodado nas Pontes “Reflexo de lembranza”, Roberto Rego, pecha este primeiro número de “Hume”.
A revista poderase adquirir a partir da vindeira semana en calquer librería da vila por cinco euros. Tamén se pode consultar na biblioteca do municipio.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios