Grupo Político Municipal do BNG: MOCIÓN SOBRE O LAGO-ESCOMBREIRA

93

D. Xaime Castro Paz, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte

MOCIÓN SOBRE O LAGO-ESCOMBREIRA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Rematada a actividade extractiva da Mina e dando cumprimento á necesidade de poñer en marcha unha serie de medidas correctoras que veñan a rexenerar un espazo altamente degradado pola actividade industrial, Endesa ten iniciado as actuacións para a creación dun lago artificial, que, segundo o plano técnico ambiental elaborado pola propia empresa e aprobado pola Administración ambiental, rematará no ano 2012; nos seguintes anos Endesa seguiría facendo un seguimento dende o punto de vista bioquímico e edafolóxico.
Para o BNG, cabe falar de certo escepticismo social e económico diante dun proxecto do que se sabe máis ben pouco das súas posibilidades de crear riqueza así como das consecuencias medioambientais, un proxecto no que é manifesta a desconexión de obxectivos públicos e privados, a mellorábel coordinación dos departamentos e niveis administrativos, e a falta de conciencia social e de identificación da poboación co meritado proxecto. É dicer, a descoordinación e descoñecemento sobre a planificación de usos e aproveitamento do futuro lago, causada pola non comunicación entre os distintos axentes involucrados tanto dende a perspectiva público-privada como interadministrativa, e que se concreta na inexistencia de criterios sostibeis dos posibeis usos do futuro lago, limitándose en moitos casos ás preferencias de técnicos, e na incertidume que se está a xerar na poboación local, ante a falta de información sobre o futuro lago que igualmente afecta á motivación empresarial e á toma de conciencia das posibilidades de levar a cabo iniciativas tanto sociais como económicas no seu entorno.
Para o BNG estase a desaproveitar unha ocasión única de desenvolvemento socioeconómico, en tanto que a pesar da existencia dun plano de rexeneración ambiental da Mina, este non contempla os posibeis usos e infraestruturas susceptibeis de xerar riqueza. Estamos a falar da necesidade de elaborar un plano de desenvolvemento sostíbel, que recolla non só os aspectos puramente técnico-ambientais senón que atenda tamén a cuestións sociais e económicas, cunha visión global; é dicer, trataríase de sentar as bases para a elaboración dun plano de desenvolvemento sostíbel en torno ao lago coa finalidade de acadar un aproveitamento socioeconómico a medio prazo que mellore a calidade de vida dos ponteses e pontesas, e coa participación de tódolos axentes relacionados directa ou indirectamente co proxecto do lago ( Administracións -locais, autonómica, estatal e comunitaria-, Endesa, movementos asociativos –culturais, deportivos, empresariais, medioambientais, sociais, veciñais, …-, …).
Para rematar co período de pasividade, descoñecemento, descoordinación e incertidume descritos con anterioridade, o Grupo Político Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello das Pontes adoptar os seguintes

ACORDOS

1º.- Comprobar o estado de tódalas autorizacións, permisos e/ou licenzas do proxecto do lago, con independencia do nível administrativo responsábel.
2º.- Solicitar da Consellaría de Medio Ambiente copia dos informes emitidios polos seus técnicos até a data como garante da calidade ambiental óptima dos traballos que se están a desenvolver.
3º.- Demandar de Endesa e da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza a elaboración e execución conxunta dun plano de comunicación social como elemento clave para lograr a lexitimación e a motivación, social e empresarial, de dito proxecto; dito plano debería comenzar de forma inmediata coa materialización de dous instrumentos:

a) creación dunha páxina web na que, como primeira etapa, se presente toda a información dispoñíbel sobre da evolución do proxecto e se poida facer un seguimento do mesmo en tempo real; e

b) publicación dun boletín informativo, de ámbito galego, e de periodicidade trimestral, no que se recollan as novas de interés do proxecto.

3º.- Solicitar unha entrevista urxente co Presidente da Xunta, co Vicepresidente e cos portavoces dos grupos políticos con representación no Parlamento galego, para que o Alcalde e os representantes dos grupos políticos municipais lles trasladen a importancia –local, comarcal, provincial, autonómica, estatal, europea e internacional- do proxecto, e lles soliciten a súa implicación, política e institucional.
4º.- Facer uso do denominado “Plano de desenvolvemento sostible do lago de As Pontes (PDESOL)” , elaborado polo Concello no marco do proxecto CREAR As Pontes, como documento inicial de análise, debate e presentación da proposta; en dito Plano destacaríase, como primeiro paso, a creación dunha Fundación, na que loxicamente estarían Endesa e tódalas Administracións públicas, organismo que xestionaría o espazo unha vez que Endesa remate tódolos traballos, e que tería que facer un concurso de ideas a alto nivel, no que participarían equipos multidisciplinares – arquitect@s, técnic@s paisaxistas e deportiv@s, medioambientalistas, sociólog@s, economistas, … – , co fin de realizar un anteproxecto realista que teña en conta tódolos aspectos: posibilidades turísticas, deportivas -fundamentalmente náuticas, sendeirismo, cicloturísticas, golf- , museísticas -unha representación das grandes máquinas sería imprescindíbel- , medioambientais -hoxe en día a escombreira xa é unha importantísimo reserva de fauna e forestal, que, posiblemente, se ten que vincular co Parque das Fragas do Eume- , etc. Neste anteproxecto debe definirse moi claramente as posibilidades económicas do espazo afectado e o seu mantenemento, para que permita unha explotación pública razoábel que beneficie ao concello e á comarca.

As Pontes, 24 de abril de 2008
O PORTAVOZ DO G.P.M. DO BNG
Asdo.: Xaime Castro Paz

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios