Fernando X. Blanco: ‘Galicia vai afrontar a crise como unha oportunidade de crecemento’

43

[El Correo Gallego] “Nunca se barallou o traslado de Ence á Coruña ou Ferrol. Por agora todo son especulacións”. “A nosa industria está ben posicionada e facendo os deberes para salvar a desaceleración” . “Non necesitamos parques eólicos nas rías porque temos máis que cuberta a subministración”.


A Fernando Blanco (Lugo, 1959), conselleiro de Innovación e Industria, nótaselle ben que temas lle apaixoan e aqueles sobre os que prefire non profundizar. Case que se lle ilumina a cara ó falar de I+D+i, de vangarda, do sector do naval ou desa nova Galicia que se quere proxectar no exterior para atraer turismo e oportunidades de negocio. E enduréceselle o xesto, non obstante, cando se lle pregunta con insistencia cansina polo tralsado de ENCE. Supervisor de loxística de Telefónica metido a política da man do BNG, tenaz nos seus cometidos, Blanco desprende optimismo vital e, tamén, optimismo de país. A industria galega, di, sairá máis que airosa da crise que vivimos, e o turismo aguantará o envite.
­O debate sobre Ence, conselleiro, volve estar nas primeiras páxinas dos xornais. Despois de que trascendese que hai un grupo de empresarios galegos interesados en meter man na papelera, preocupa agora a súa futura localización. Descartada A Coruña e Ferrol, parece que As Pontes ten todas as papeletas…
– É que nunca, que eu saiba, se barallou a posibilidade de trasladar Ence a A Coruña ou Ferrol. Todo son especulacións. E sobre as Pontes… eu non me atrevería por agora a falar de emprazamento ningún. Primeiro haberá que ver se se presenta ese proxecto empresarial, onde, como…
¿Pero a Consellería chegou a falar con ese grupo de empresarios do posible emprazamento?
– A Consellería só tivo coñecemento dun grupo de empresarios que se querían presentar ó concurso do plan eólico e pretendían, dentro dese concurso, crear unha nova papeleira para pechar ciclos de produción e, polo tanto, trasladar a Ence. A nós parécenos unha boa proposta, pero haberá que ver si se concreta e, despois, haberá que avaliala, como o resto de proxectos industriais que se van presentar ó concurso, algúns dos que, por certo, superan en importe ó do traslado de Ence.
¿Pareceríalle ben o emprazamento das Pontes?
– E que o conselleiro non valora ningunha localización. Iso correspóndelle á empresa. O que si temos claro é que non imos crear un problema ambiental nun sitio para sacalo de outro. Pero insisto, todo por agora son hipóteses.
O PP bótalles en cara que o Goberno non ten unha postura definida sobre a celulosa e que están a crear alarma en Pontevedra.
– Nós non sacamos este debate á rúa. É máis, a min interesábame silencio sobre un problema complexo. Pero, en todo caso, é un tema de importancia social e económica sobre o que é normal que haxa debate. O compromiso do Goberno da Xunta é o traslado de Ence. Iso segue vixente.
O próximo 18 abrirán o concurso para repartir o novo plan eólico, e as máis importantes fortunas galegas xa teñen confirmado que concorrerán. Parece un negocio moi desexado…
– Concorrerán grandes e pequenas fortunas porque, precisamente, o bo do decreto eólico é que permite a libre competencia e a libre concurrencia. Por primeira vez hai un concurso e por primeira vez pódense presentar todos, e eu creo que iso é bo. É certo que a enerxética é agora mesmo unha parcela atractiva e que hai sectores, como o da construcción, que queren cambiar os seus investimentos.
Vostedes aspiran a que o 95% da enerxía eléctrica que consumimos sexa renovable… ¿En que medida axudará o plan eólico?
– Co eólico estamos poñendo en Galicia 6.500 megas, que é un impulso importante. Pero dende a Consellería tamén estamos a impulsar a biomasa, a enerxía solar, proxectos de maremotriz… O plan enerxético galego aposta claramente polas renovables, aínda que aquí hai un mix enerxético diverso, con carbón, gas e demais. A aposta polas renovables ten que ser un realidade, igual que a aposta polo aforro e pola eficiencia enerxética.
Este plan eólico nace con críticas dalgúns ecoloxistas …
– As protestas dos ecoloxistas non as entendo porque ou hai unha aposta polas renovables, ou non. Cando chegamos a casa, a todos, incluídos os ecoloxistas, nos gusta ter luz ó darlle o interruptor. Ademais, no plan eólico establécense zonas de protección ambiental, tense en conta a Rede Natura, hai mecanismos de control…
Da nuclear, nin falar.
– En ningún caso. En Galicia non tería sentido unha central nuclear, ó marxe de que outros países abran ese debate polas súas necesidades. En Galicia nin sequera é necesaria.
O que tampouco lles gusta son os parques eólicos mariños…
– Non, porque nós queremos que as rías teñan un compoñente marisqueiro, pesqueiro e turístico. E porque tampouco necesitamos poñer aí parques eólicos, posto que co plan enerxético galego e a dimensión que temos das enerxías renovables e os distintos ciclos temos cuberto e garantido a nosa subministración e incluso unha parte importante para a exportación. Esa non é a nosa aposta, o cal non significa que non intentemos fabricar aeroxeradores para outros países e poñer en marcha tecnoloxía para ese sector.
¿Que hai dese gran parque solar que se ía construír con capital chinés?
– No seu momento xa manifestei que os prazos me parecían moi axustados. Polo que sei non está solicitado sequera – Publicitouse moito… – Creo que aí comezou o fracaso.
Falemos agora do naval. Erraron as previsións dos máis agoreiros…
– Cando eu cheguei á Consellería había moita xente que dicía que o sector naval non tiña futuro. Pero nestes tres anos demostramos non só que ten futuro, senón que ten un crecemento espectacular. E se nos deixaran facer máis, como utilizar os estaleiros de Fene, o crecemento aínda sería maior. O sector naval xa non é, pois, un lastre, senón unha oportunidade de emprego pola carga de traballo e porque fixemos os deberes. Construímos, por exemplo, o centro tecnolóxico do naval, e imos constituír a mesa do naval. A chave está na innovación, na aplicación das novas tecnoloxías.
Pero agora hai un problema de man de obra…
– Claro, o sector está crecendo, ten carga de traballo e necesita man de obra. Por iso firmamos un acordo coa xerencia do naval a escala do Estado, por un ha contía importante de cinco millóns de euros, para formación destes profesionais.
É innegable o esforzo que Galicia está a facer na súa aposta pola I+D+i, pero ¿é suficiente?
– En I+D+i Galicia está facendo os deberes moi rápido. Por primeira vez –e cando outras comunidades van polo terceiro– en Galicia temos un plan estratéxico e sabemos a onde queremos ir. Incrementamos nun 112% os presupostos de I+D+i, estamos conseguindo proxectos europeos e do Estado e, ademais, o sector empresarial, que é unha parte fundamental, está achegando moito. De feito, estamos cerca de alcanzar o 50-50% entre Administración pública e a iniciativa privada. Imos duplicar o número de centros tecnolóxicos, xa temos dous centros de excelencia a escala do Estado e esperamos chegar a catro nesta lexislatura, creamos plataformas tecnolóxicas… Ademais, melloramos as condicións laborais dos investigadores, que antes non tiñan sin seguridade social nin paro. Melloramos nun 36% as súas condicións salariais; en recursos humanos o aumento do investimento foi dun 650% –pasamos de 3,2 millóns a 24,1millóns–; as axudas a innovación empresarial incrementaronse no 56%…
¿Pero é suficiente ese esforzo para alcanzar a países que van por diante?
– Indubidablemente, isto non da resultados de hoxe para mañá, pero a medio e longo prazo é unha aposta clarísima, un cambio de modelo económico. Nós iamos moi atrasados e tiñamos que crecer máis que o resto. Estámolo a facer para reducir o diferencial.
E en turismo ¿cal é esa nova Galicia que se quere vender no exterior?

– Pois a Galicia de agora, emprendedora, dinámica, viva, de investigación… En turismo, a nosa aposta é tamén a innovación e a calidade. Estamos crecendo máis que o Estado e o Xacobeo 2010 vai ser un novo impulso co que podemos chegar a dar medio punto máis ó PIB. Os datos reais demostran que o sector turístico vai moi ben e que podemos ser moi ambiciosos.
¿Ten vostede na cabeza unha cifra máxica de visitantes?

– Non, porque o crecemento ten que ser acompasado e os saltos ó baleiro son perigosos. Agora estamos por riba dos seis millóns de visitantes e no Xacobeo, sen dúbida, podemos chegar ós doce. En todo caso, o que nos preocupa é vender calidade, bo servizo, boa atención… e infraestruturas atractivas. Vender unha Galicia relacionada coa cultura, a gastronomía, o mar, o ambiente, o turismo urbano, a vangarda, a tradición… pero dentro de parámetros de innovación e calidade.
¿Será igual o Xacobeo 2010 que os de tempos de Pérez Varela?

– Pois non. O Xacobeo 2010 será unha grande oportunidade turística, pero tamén servirá para posicionarnos no mundo, para vender o que Galicia é en realidade, a súa cultura, lingua, tradición, vangarda… O Xacobeo 2010 permitiramos internacionalizarnos máis. Ademais, o Xacobeo está poñendo en marcha proxectos como o Vía Stellae, unha xira de música clásica que hoxe xa é un referente internacional. Ó principio nós tiñamos que chamar á xente, incluso rogarlles, pero agora son eles os que nos chaman a nós para participar no Vía Stellae. O Camiño de Santiago estase convertendo tamén nun referente a escala internacional.
¿De que maneira afectará a crise ó sector galego do turismo?
– As crises económicas afectan a todos, pero eu creo que as familias cada vez máis son capaces de reducir outro tipo de consumos e non tocar as súas vacacións. Indubidablemente, a crise pódese notar no nivel de gasto, sobre todo en sectores como a hostalería, a restauración… pero seguramente en número de visitantes non haxa una desaceleracion.
¿E a industria galega?
– Estamos mellor preparados que outros e os datos por aí van: a industria galega representa o 18,3% do valor engadido bruto de Galicia, o índice de produción industrial segue medrando, as exportacións acadaron os 16.000 millóns de euros, o emprego de traballadores no sector industrial chega a 177.000 e é o máis alto da última década… . A nosa industria (a automoción, o naval, o textil…) está ben posicionada e facendo os deberes. Imos enfrontar esta crise coma unha oportunidade de crecemento. A Consellería está traballando man a man co sector industrial e co económico procurando solucións. E iso estase notando, no naval e noutros sectores os datos están sendo positivos pese á crise.
¿Tamén en sectores vinculados á construción, como o das pizarras?
– Aí a chave é a internacionalización. Si aquí hai un parón no sector da construción, hai que saír a outros países a demostrar que sabemos facer as cousas ben. E neso estamos, traballando.
Transcorridos xa máis de tres anos do goberno de coalición na Xunta e tendo en conta que estamos xa metidos no debate de cando serán as eleccións, ¿que valoración fai vostede do bipartito?
– O que me preocupa a min agora é resolve-los problemas da xente, e non cando son as eleccións. É dicir, entraremos en campaña cando toque; mentres a miña preocupación é como afrontar a crise económica. ¿Sobre o funcionamento do bipartito? En xeral a sociedade galega percibe que hai un bo funcionamento, e percibe tamén que hai dúas forzas políticas. Os resultados son positivos, e creo que houbo avances importantes nesta lexislatura e que os datos, que é o que hai que poñer enriba da mesa, avalan a xestión da Consellería de Innovación e Industria.
¿Estar no goberno serviu para que unha parte do electorado galego mire con outros ollos o Bloque Nacionalista Galego?
– Si, seguramente… Había unha serie de prexuízos de si o BNG ía ser capaz de xestionar as diferentes áreas, e sobre todo algunhas como Innovación e Industria, de certa complexidade pola variedade de competencias que ten. É normal que a xente tivera unha expectativa sobre o que ía pasar, sobre o papel dos empresarios… podía haber incluso certa desconfianza a que o BNG puidera desenvolver determinadas áreas. Pero eu digo agora, pregúntenlle ó sector industrial, ó do comercio, ó da I+D+I, ó do turismo… que son os que mellor poden dar resposta sobre a nosa xestión. A miña impresión, dende logo, é que están satisfeitos co traballo que desenvolvemos. Pero en todo caso son eles os que se teñen que pronunciar, eles e os cidadáns cando haxa eleccións.
E o goberno, ¿fixo cambiar o BNG?
– Eu creo que estar no goberno sempre, dalgunha maneira, obriga a poñer máis os pés sobre a terra. Non é o mesmo a elaboración teórica de certas cuestións que cando tes que enfrontarte (dende o executivo) a outra serie de elementos. Pero o BNG xa goberna dende hai tempo concellos, deputacións, e agora na Xunta. E creo que as cuestións que manifestabamos cando eramos oposición as estamos levando á práctica. Por exemplo, nós sempre defendimos o sector naval e sempre dixemos que o sector da enerxía non podía vir aquí a explotar os nosos recursos e marchar sen que iso servise para impulsar o pais… Pois dende a Xunta loitamos polo naval e modificamos a política enerxética para que sirva ós intereses de Galicia. Outro exemplo: dende o BNG diciamos que a aposta pola I+D+i era imprescindible, e se está demostrando que así é e que ese e o noso camiño. Críamos tamén que había que apostar polo pequeno comercio para que tivera capacidade, e puxemos en marcha a Lei de Horarios Comerciais e imos sacar adiante a de Comercio Interior… e o comercio galego está medrando por riba do Estado. Pero si é certo que a realidade é sempre máis complexa do que parece.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios