A triste realidade – Lei de dependencia

115

[La Opinión de A Coruña, por M. Seijo] Escríbolle esta carta para poñer no coñecemento dos lectores do seu diario a triste realidade da, tan cacarexada polo señor Quintana, lei de dependencia. A miña experiencia persoal é nefasta. En maio do 2007, cando se promulgou a lei, solicitamos unha axuda para miña nai que levaba 6 anos encamada e dependendo para todo dos coidados de miña irmá e da familia. Fíxoselle a súa valoración e o resultado foi: grao III, nivel 2; o máximo que contempla a lei. Esa valoración foinos comunicada en novembro do 2007 e, posteriormente, en xaneiro do 2008, pedíronnos a conta bancaria para, supoñemos, ingresarlle a axuda. Dende aquela, silencio. Será iso o silencio administrativo? O 22 deste mes de maio fun á Delegación da Xunta en Ferrol para saber como ía o expediente. Non sabían nada. Alí soamente recollían as solicitudes. Todo dependía da Coruña. Entereime tamén de que na provincia da Coruña xa concederan 17 axudas, dende a promulgación da lei. ¡Un éxito! E un acaba preguntándose polos datos reais referidos a esa lei. Datos como: canta xente solicitou as axudas? Cantas se concederon en Galicia? Cal é o importe das axudas concedidas? Cal é o importe total asignado á lei de dependencia? Canta xente hai valorada, en qué grao, e canto tempo hai que está valorada e sen asignación económica? Cal é o criterio de asignación: antigüidade, idade, nivel económico, aleatorio, sorteo, etc.? Cantos funcionarios hai destinados na Xunta para facer ese traballo, e canto importa o seu salario anualmente? En definitiva: que pasa realmente con esa lei e a súa aplicación?
Por certo señor director, como era de supoñer e debido a súa idade e á enfermidade, miña nai morreu, polo que a axuda xa non lle chegará. Pero, a cantos máis lles vai pasar o mesmo?

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios