O ciclo provincial “Noite de cine” trae case 40 proxeccións a Ferrolterra

46

[Diario de Ferrol] O cine chega no verán ás prazas e rúas dos concellos da Coruña, grazas ó plan “Noite de cine” que desde hai 18 anos desenvolve a Deputación da Coruña. De entre as 194 proxeccións que están previstas para xullo, agosto e setembro, case 40 serán nos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.


As dez películas seleccionadas inclúen grandes éxitos de taquilla dos últimos meses, así como obras feitas en Galicia, curtametraxes e o galardoado documental da BBC “Terra”. Este traballo, que resume varios capítulos emitidos na cadea británica, poderase ver no concello de Ares o 6 de agosto.
A película infantil “Arthur e os Minimoys” proxectarase en Ares o 3 de xullo, en Valdoviño o 10, nas Pontes o 14 e en San Sadurniño o 18. Xa en agosto pasarase en Cariño (o día 5), en Vilarmaior (o 9) e en Fene (o 12).
“Eragon”, a película de aventurase baseada nunha exitosa saga de literatura fantástica, verase en Cedeira o 4 de xullo e, nese mesmo mes, en Fene (o 10), nas Pontes (o 15) e en Ares (o 24). Proxectarase o 20 de agosto en Neda.
O filme protagonizado por Ben Stiller “Unha noite no museo” desatará as risas en Fene e en Mugardos o 14 de xullo, o 17 en Valdoviño e o 23 nas Pontes. En agosto verase o día 2 en Neda e o 23 en Cedeira.
A película de animación “De Profundis”, da produtora Continental, chegará o 15 de xullo a Mugardos.
A exitosa “El diablo se viste de Prada”, con Meryl Streep e Anne Hathaway, pasarase nas Pontes o 16 de xullo, e en agosto estará en San Sadurniño (o 22), en Ortigueira (o 24), en Fene (o 26) e en Cedeira (o 30).
A xoia “Pequena Miss Sunshine” pasará por Mugardos o 16 de xullo, por Neda o 1 de agosto, por Fene o 4 e por Cariño o 6.
“Lady Killers” verase nas Pontes o 17 de xullo e, nese mesmo mes, en Fene (o 24) e en San Sadurniño (o 25). En agosto proxectarase en Cariño (o 7), en Valdoviño (o 13) e en Ortigueira (o 17).
“The Queen”, a recreación da reacción da realeza británica ante a morte de Lady Di, con Helen Mirren como Isabel II, poderase ve en Fene o 19 de agosto.
Concurso fotográfico > A décimo oitava edición de “Noite de Cine” quere tamén axudar a concienciar á poboación acerca da importancia de promover os valores ecolóxicos e o desenvolvemento sostible. Por iso convoca o concurso “Entre tod@s, un pouco é moito”. As persoas que queiran participar poden enviar por correo (postal ou electrónico) ou mediante unha mensaxe de móbil multimedia, unha fotografía coas “pequenas actuacións persoais que realizan a cotío e que contribúen a mellorar ou conservar o medio natural”, segundo indican desde a Deputación.
As imaxes recibidas exporanse na web deste programa cinematográfico (www.noitedecine.com). As instantáneas gañadoras recibirán como premio os 24 dvd’s que compoñen a colección “Galicia de cine” e “Gallaecia cinema”.
Pódese recabar máis información tamén na web provincial www.dicoruna.es.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios