O lago artificial de Endesa nas Pontes está ao 8% da súa capacidade

45

[El progreso] O inmenso lago artificial que Endesa proxecta nas Pontes para encher o oco da mina de lignito está xa ao 8% da súa capacidade final. O lago alcanzará os 547 hectómetros cúbicos -que equivalen a 547.000 mil millóns de litros de auga- segundo sinalou o director da conca, Francisco Aréchaga.
lago.jpeg


O inmenso lago empeza a tomar forma. Ata agora está subdividido en tres pequenas lagoas, pero chegará a ocupar 865 hectáreas, unha superficie maior que a cidade da Coruña. Alcanzará un perímetro de 17,8 quilómetros, con cinco de longo por dous de ancho e unha profundidade máxima de 206 metros.
O lago alcanza xa os 70 metros de profundidade nalgunhas zonas. Aréchaga explicou que, segundo as primeiras analíticas practicadas, a calidade das augas máis profundas é mellor do esperado inicialmente polos técnicos. Ademais asegurou que cumpren coas esixencias da Consellería de Medio Ambiente tomando como parámetros de referencia o Ph, o manganeso ou o aluminio, entre outros.
30 anos extraendo lignito
A compañía eléctrica está obrigada por lei a reparar a contorna ambiental da mina pontesa logo de trinta anos de explotación. Esta canteira converteuse no maior xacemento ao descuberto de España. Dela extraéronse 261 millóns de toneladas de lignito pardo para alimentar as caldeiras da central térmica das Pontes, cunha potencia de 1400 megawatts.
A mina, que chegou a empregar a 1.700 operarios nos anos 80, clausurouse definitivamente o 31 de decembro do 2007. Desde entón, segundo a empresa, algo máis de 200 operarios traballan para desmantelar a maquinaria e o antigo nó de transferencia da mina. Están a construír ademais un dique no perímetro do lago que amortecerá as ondas.
O lago encherase en 2011
Aníbal Gil, enxeñeiro de Endesa, explicou que a inundación da mina foi “practicamente a única solución ambiental posible” para rexenerar a contorna, xa que a composición arxilosa da explotación impermeabilízaa “e a súa inundación produciríase tarde ou cedo”. Explicou que durante os anos de extracción, Endesa desviou a canle de varios regatos que atravesaban a explotación e bombeou auga para evitar que se concentrase na mina.
Actualmente, a Xunta autorizou á empresa a captar anualmente 120 hectómetros cúbicos de auga do río Eume a través dunha canle de 3,3 quilómetros que conecta o río coa antiga mina. Con todo, impide a toma nos meses estivais para manter o caudal ecolóxico deste río que atravesa o parque natural das Fragas do Eume.
Endesa aspiraba a iniciar o enchido do lago en xaneiro do 2008. Con todo, a seca do último outono atrasou o inicio da captación ata xuño e terán que esperar ata o próximo mes de outubro para proseguir con ela. Segundo as previsións da empresa, a inundación do oco da mina completarase a finais do 2011.
Un proxecto que non satisfai aos ecoloxistas
O lago das Pontes disporá dunha praia na zona máis próxima á vila mineira, dous illotes para que aniñen as aves, embarcadoiros e pantaláns para barcos de recreo.
As organizacións ecoloxistas critican o proxecto e denuncian que beneficia fundamentalmente á empresa, por tratarse da proposta de rexeneración máis barata. Un informe de Adega alertou da presión que exercerá o enorme volume de auga sobre as fallas activas da zona, o que segundo a organización podería provocar alteracións sísmicas.
Os ecoloxistas aseguran que o proxecto provocará un aumento das néboas na zona, posibilidade de inundacións, cambios de temperatura e alteracións no ecosistema das Fragas do Eume, debido á subtracción de 120 hectómetros cúbicos de auga ao ano para abastecer os lagos artificiais.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios