Servizos Sociais abre unha nova oficina para xestionar as axudas ofertadas a través da Lei de Dependencia

33

A Concellería de Servizos Sociais ven de abrir ao público unha nova oficina a través da cal se tramitarán tódalas axudas incluídas na Lei de Dependencia aprobada hai uns meses polo goberno estatal.
A posta en marcha deste servizo supuxo a incorporación ao plantel desta concellería dunha nova traballadora social, a través do Programa de Cooperación que promociona a Xunta de Galicia, que será a encargada de asumir o custo deste novo servizo.


Segundo aclarou o edil de Servizos Sociais, José Alén, coa apertura deste servizo o que se pretende é, entre outros fins, facilitar a implantación e mellor desenvolvemento da lei 39/2006, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención a persoas en situación de Dependencia, tamén coñecida como Lei de Dependencia.
Neste senso, José Alén aclarou que a posta en marcha desta nova lexislación implica unha meirande carga de traballo o que interfire negativamente nos procedementos administrativos, ralentizándoos. Coa incorporación desta nova traballadora o que se pretende dende o Concello é responder dunha forma máis eficiente ás demandas das persoas dependentes residentes no municipio, desconxestionando este servizo.
Seguindo esta mesma liña, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou a importancia de atender a este grupo poboacional xa que o seu correcto coidado é non só a base da política social, senón tamén un dos seus grandes retos. Asemade, o edil quixo facer fincapé na necesidade de que As Pontes conte cun bo servizo de atención primaria, preparado tanto con recursos coma con persoal debidamente cualificado para atender as demandas e retos que supón a aplicación da Lei de Dependencia e que afecta a un gran sector.
Nembargantes, entre as tarefas que asumirá a nova traballadora social tamén se inclúen o informar e asesorar a tódalas persoas que se poidan ver afectadas pola Lei de Dependencia, tramitar as solicitudes precisas para a Valoración do Grao e Nivel de Dependencia, realizar as visitas pertinentes á persoa solicitante para elaborar o informe social necesario no proceso de tramitación e confeccionar unha proposta de plan de coidados para a Promoción da Autonomía Persoal e Atención a Dependencia (P.I.A) do veciño ou veciña afectado co seu correspondente seguimento.
Esta nova oficina estará ubicada no mesmo departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, e non suporá custo algún para as arcas municipais ao longo dos nove meses nos que estas dependencias se atopen operativas xa que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, será a que asuma tódolos gastos xerados por este servizo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios