Centos de persoas despediron as festas das Pontes na beira do río Eume

118

[Diario de Ferrol] Non hai nada igual. Calquera que fora algunha vez á sesión vermú da Romaría da Fraga sabe que non se pode comparar con ningunha festa dos arredores. Se cada unha ten a súa particularidade, a das Pontes ten que ver co Eume, coa música e, por riba de todo, coa auga e a lama.


Os bombeiros volveron axudar nesta particular orxía acuática. Os mangueirazos alcanzaban incluso ós que non querían pasar polo ritual de tirarse ó río e, de paso, limpaban no posible o viño -que tamén corre- e a lama, indispensable tamén na sesión vermú. A orquestra Galilea tocou e a masa de xente -a maioría novos, que os de máis idade póñense a salvo- cantou, bailou e saltou con tódalas súas forzas.
A Romaría da Fraga dá para moito e non todo se resume na tolemia do mediodía. Non en van son máis de cen anos de tradición ás costas. As pandillas, as familias, os veciños… todos eles agrúpanse para compartir unha comida no campo. Primeiro houbo xa un traballo de construcción das cabanas (unhas 270, segundo o rexistro municipal) e o de onte foi o día de disfrutar do feito. Ademais, a charanga Os Ponteses animou pola tarde o parque de Santa Rita e pola noite houbo verbena coas orquestras Galilea e Jerusalén.
Claro que a acampada xa se fixo na noite do xoves ó venres. Nesta véspera, máis tranquiliña, esperábase a importantes grupos de música folk como Os Zarambeques, Birimbao, Sérralhe-Aí ou Gwendal.
Coa festa rachada de onte péchanse varios días de celebracións nas Pontes, que comezan co Carme e se prolongan ata o Día de Galicia.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios