O BNG reclama os 15 millóns do Plan Miner II prometidos para As Pontes

46

[Diario de Ferrol] O deputado do BNG Fernando Blanco Parga vén de rexistrar unha pregunta ao Parlamento galego na que denuncia que a comarca das Pontes aínda non percibiu nin un céntimo dos 14,9 millóns de euros que se deberían ter investido o ano pasado dentro do Plan Miner II.


O parlamentario nacionalista expón no texto presentado para a súa resposta oral que a Consellería de Innovación e Industria ten definido, no seo da Mesa do Carbón, as infraestruturas que o Ministerio debería cofinanciar en Galicia, e que no caso de As Pontes ascenden a 14,9 millóns de euros. Para que as obras se executen deben desenvolverse uns convenios de colaboración específicos que dependen do Instituto para a Reestruturación da Minaría do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras. Xa aplicados noutras comunidades, Galicia segue sen contar con estes acordos e por iso o BNG levou o tema ao Parlamento en decembro, cunha iniciativa que foi aprobada e que pedía a presentación “inmediata” destes convenios por parte do Ministerio, “pois daquela xa estabamos no final do período 2006-2007”.
As Pontes aínda non conta con estes fondos, polo que o deputado pregunta agora se existe algunha novidade e se se coñece o motivo polo que o Ministerio non avanza nestes trámites. O director xeral de Industria e Minas, Anxo Calvo, xa informara no Parlamento que Innovación e Industria xa ten adiantado unha parte dos cartos que lle corresponderían á Administración do Estado para tentar acelerar o proceso.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios