O Concello arranca o seu proxecto de reforma do centro urbano coa remodelación dos xardíns municipais

73

Os plans do executivo municipal incluen a construcción dun centro de ocio no espazo que ocupa a praza de abastos e os locais anexos
O Concello ven de poñer en marcha o proceso de remodelación e mellora estética do centro urbano do municipio, a través dunhas obras que, na súa primeira fase se centran nos xardíns municipais e que se suman aos traballos de iluminación de zonas e monumentos emblemáticos do municipio, xa realizados no pasado mes de xuño, co fin de revalorizar todo o centro urbano.

aspontes.jpg


Así as cousas, o concello pontés pretende someter unha das zonas máis emblemáticas do municipio, como é a que comprende dende a Casa Consistorial ata o colexio Santa María, a un proceso de revalorización co obxectivo de transformala nun lugar máis funcional e atractivo para veciños e visitantes.
Os plans do goberno local incluen non só a remodelación do parque municipal, xa en marcha, senón tamén a edificación dun centro de ocio, con locais para tódolos usuarios que empregan tanto estas instalacións coma os edificios adxacentes; a construcción dun aparcadoiro soterráneo, a restructuración do peche do Colexio Santa María e a rehabilitación en xeral de todo o contorno, na que non se descarta a posibilidade de peonalizar o tramo da rúa Alenxandre Bóveda que separa o centro escolar dos xardíns, malia que este punto está aínda en proceso de valoración.
O proxecto suporá un desembolso de algo máis de cinco millóns de euros, un gasto que se pretende sufragar con cargo aos fondos do Plan Miner do Ministerio de Industria, o que xa recibiu luz verde na mesa de priorización de proxectos e infraestructuras do propio Plan Miner.
Esta iniciativa trocará absolutamente a fisionomía de todo o centro neurálxico do municipio e que dotará ao casco urbano dunha zona aberta, sen peches, unificada e máis atractiva para os seus usuarios. Polo momento, as únicas obras que están en marcha son as que afectan ao parque municipal, entretanto, o resto dos proxectos están en fase de redacción do convenio coa Administración.
En relación a estes traballos, o alcalde pontés, Valentín González Formoso, calificou esta actuación coma unha medida de urxencia para a mellora da estética urbana e que xa os propios veciños do municipio viñan reclamando durante anos, e así poñer fin ao deterioro e o feísmo urbanístico de esta zona tan emblemática.
Xardíns municipais
A primeira das fases deste proxecto afecta aos xardíns municipais, que están a ser obxecto dunha intensa remodelación que deberá estar rematada nun prazo máximo de seis semanas.
Nesta primeira actuación, estase a intervir nunha superficie total de 6.290 metros cadrados para crear un espazo novo, aberto, que convide ao paseo e desfrute do entorno e que tamén se caracterice pola súa funcionalidade e accesibilidade, mediante un deseño sinxelo, que permita a integración das diferentes áreas coas que conta o xardín municipal.
Estes traballos contan cun orzamento de case 230.000 euros, dos que un 85 por cento provén do goberno autonómico, a través dos fondos FEDER que xestiona a Consellería de Presidencia e Administracións Públicas, mentras que o 15 por cento restante será asumido polo concello.
As labores de mellora incluen a instalación dun sistema de rego automático e outro de drenaxe. Asemade, está prevista a colocación dun sistema de iluminación que permita marcar os diferentes camiños peonís e co que tamén se iluminen os elementos naturais máis definitorios destes xardíns.
Está prevista tamén a renovación do firme e a construcción dun novo peche perimetral que permita o acceso a este espazo dende calquera punto, completándose con novos bancos e papeleiras de madeira.
Unha das principais preocupacións do executivo municipal á hora de poñer en marcha este proxecto era a conservación das árbores que, ata estes días, formaban parte da paisaxe habitual dos xardíns municipais.
Finalmente, e a través do asesoramento dun equipo de expertos, optouse polo traslado dalgúns destes emblemáticos exemplares a un viveiro, creado ao efecto e no que permanecerán ata que rematen os traballos e poidan ser de novo transplantados.
Con respecto a tódolos traballos que se están a acometer no parque municipal, éstes están a ser seguidos por varios expertos en conservación de xardíns que, asemade, están a adoptar tódalas medidas necesarias para preservar as árbores, como por exemplo, o seu regado diario.
Asemade, haberá exemplares que serán sometidos a traballos de poda e de recuperación. O proceso de ornamentación complementarase co sembrado de céspede.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios