Un loitador As Pontes non pasou do empate

25

[Diario de Ferrol] O renovado C. D. As Pontes deuse onte xa de bruces coa realidade dunha categoría dura na que a súa bisoñez lle pode pasar factura.


Na primeira xornada non puido pasar do empate sen goles malia poñer todo, agás o fundamental, o gol, para levarse os tres puntos. Cun equipo cunha media de idade de vinte anos, e co aínda xuvenil amado na punta do ataque, os locais imprimíronlle un forte ritmo ó choque dende o início.
Esta circunstancia afogaba a saída do Lemos, que nunca creou perigo, pero si respostou coas liñas moi xuntas en fronte á súa área para conxurar as continuas chegadas dos azuis.
O equipo do debutante Mieres, malia a súa xuventude, demostrou que vai gustar de levar a iniciativa, e apostou por ter sempre o balón, e levar o peso do encontro. Logo faltou a pólvora, por que o acceso ata as inmediacións da área rival nunca supuxo un problema. Os atrancos empezaban á hora de conectar os remates, que nunca chegaron con nitidez. Á vista de que non quedaba outra que probar cos lanzamentos dende a distancia, aí xurdíu a figura dun Víctor, que estaba ser o máis destacado, e foi tamén o que máis perto estivo de inaugurar o marcador en senllos disparos lonxanos. Pola contra, os de Monforte tan só tiveron unha ocasión nun erro do meta local, que non souberon aproveitar cando o partido viña de comezar. Na segunda metade, cando só ían tres minutos, Víctor estrelou un tiro na escadra, e aí morreu a mellor ocasión. Segundo decorría o tempo, os brancos acabaron por darse por satisfeitos co empate, e centráronse neste obxectivo, moito máis limitados xa no aspecto físico.
O As Pontes seguíu gañando ben as bandas, pero logo os seus centros non atopaban remates, e mesmo acabaron dequiciados coa dureza dun rival máis veterán, que soubo cortar o ritmo cando lle conviña empregándose cunha contundencia que o árbitro non cortou.
AS PONTES 0
LEMOS 0
As Pontes: Ángel, Santi, Jorge, Chote, Alberto, Alonso (Maikel, min. 69), Ferreiro (Pablo, min. 63), Victor, Amado, Dani e Piru (Troncho, min. 77).
Lemos: José Antonio, David, Nourredin, Tourón, Basualdo, Chusco (Jorge, min. 43), Alami, Iago, Aliu, Fran (Sebi, min. 71) e Ricardo.
Árbitro: Andrade Seoane, de A Coruña, que amosou cartóns a Nourredin e Aliu, no Lemos. Estivo auxiliado por Brun e López.
Campo: O Poboado. Un centenar de espectadores.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios