Nota de Prensa BNG: A escola infantil ‘Barosa’, outro exemplo de mala xestión

61

Neste curso tamén quedarán familias sen praza no comedor, repetíndose a situación do ano pasado.
O Alcalde ten paralizado o acordo asinado con Vicepresidencia polo anterior goberno municipal do BNG.
Dende unha visión de País, a lectura é positiva: entre risos e algunha que outra bágoa, uns 3.500 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos tiveron o seu primeiro día de traballo no conxunto das 73 Galescolas, das que 23 eran municipais no curso pasado e foron traspasadas á rede do consorcio público, incrementándose nun 65% a oferta de prazas públicas no que vai de lexislatura.


Dende unha óptica local, nas Pontes a realidade é ben diferente. No Pleno de xuño, cando o BNG preguntaba sobre as previsións na Escola Infantil, a Concelleira de Educación asumía que habería lista de espera, mentres que a de Participación Cidadá invitaba a unha Comisión, coma sempre, “nas vindeiras semanas”. Xa en setembro, os ponteses e as pontesas seguimos á espera: uns –como o ano anterior- pola súa praza, e outros –coma sempre- pola Comisión.
Mentres noutros concellos da comarca (Fene, Narón, Ortigueira, Valdoviño), con independencia do partido que goberna, fan previsións solicitando a creación do servizo ou a súa ampliación, nas Pontes o goberno municipal do PSOE PARALIZOU calquera posibilidade manténdose alleo ao acordo aprobado en Pleno e asinado coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar na lexislatura anterior, que posibiltaría, entre outras vantaxes, un servizo mais barato para os usuarios e o Concello e con horarios mais amplos .
Dende o BNG invitamos á reflexión para que As Pontes siga medrando en servizos, e se deixe dun lado intereses partidistas que están a prexudicar ós veciños e ás veciñas en dereitos tan básicos como o da educación e o da conciliación. O BNG compromete todo o seu esforzo institucional, organizativo e individual para conseguilo. Dos demais depende.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios