A Feira Medieval das Pontes volve convocar na vila a centos de persoas

49

[Diario de Ferrol] A quinta edición da Feira Medieval das Pontes está a superar a afluencia dos anos anteriores, segundo a organización. O evento consolídase como unha proposta de ocio moi atractiva e cala tamén entre a poboación, que esgotou os disfraces que se alugaban a quen o desexase.


O presidente da asociación Pro-Feira medieval, Antonio Calvo, amosábase onte pola tarde moi satisfeito pola resposta obtida. As pequenas chuvias da mañá abriron paso ó bo tempo e, pola tarde, había no casco histórico da vila, “moitísima xente”. Ademais, esgotáronse os máis de cen traxes de época que alugaba a organización.
Para locais e visitantes había ó redor de 70 postos de venda nos que se ofrecían todo tipo de obxectos -principalmente artesanais-, que na maioría dos casos só se poden atopar en acontecementos deste tipo, así como comida e bebida para repoñer forzas. Tamén a rúa está animada por espectáculos teatrais, malabaristas e bailaríns. É unha boa ocasión para achegarse ás aves rapaces que se amosan na zona de cetrería ou para practicar tiro con arco. Un desfile de cabalos dalle cor a unha feira que se prolongou onte durante toda a xornada e da que todavía se pode gozar hoxe.
Os postos abriron cara ás once da mañá e ó mediodía, procedeuse á inauguración oficial. Tódolos anos é un veciño da vila o encargado de abrir a feira e nesta ocasión correspondeulle a Carlos Formoso, un pontés que reside en Santa Comba pero que volve ó seu municipio natal sempre que pode. O pregón correu por conta de Alfredo Erias Martínez, licenciado en Historia, arquiveiro e bibliotecario do Concello de Betanzos e ademais director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino.
Fotografía > Outra das tradicións vencelladas a esta feira medieval é o concurso de fotografía, no que os visitantes poden retratar o que sucede na fin de semana. Tamén neste caso percibe Antonio Calvo unha maior participación que outras veces, polo menos aumentou a presenza de cámaras, aínda que non tódalas fotos se fagan co propósito de participar no certame. O resultado e a entrega de premios desta convocatoria coñecerase nos vindeiros días.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios