Nota de Prensa BNG: ESCOLA INFANTIL BAROSA, O PSOE MINTE

161

Ante a denuncia feita polo actual Goberno Municipal das Pontes do PSOE sobre que, segundo eles, a Vicepresidencia da Xunta adebeda 83.000 euros da ampliación da Escola Infantil Municipal Barosa, o BNG quer facer as seguintes precisións:
O 4 de Xullo do 2006, gobernando o BNG, levouse ao Pleno das Pontes a entrada no Consorcio de Benestar, neste Pleno o PSOE votou a favor.
Posteriormente negociouse que a Vicepresidencia da Xunta se fixese cargo do custe da futura ampliación da Escola Infantil (83.000 euros) xa que ía ser xestionada polo Consorcio; no entanto, o PSOE xa gobernando decidiu non cumprir este acordo, xa que logo, cando tomou esa decisión era consciente de que tamén liberaba a Vicepresidencia do seu compromiso.


Asemade, o Goberno do PSOE das Pontes fixo unha comparación dos prezos entre a Escola Infantil e as Galescolas, mais intencionadamente non comparou os servizos.
Por exemplo, as Galescolas teñen un horario de 7:30 a 21:30, tres horas máis que a Escola Infantil; as Galescolas inclúen entre os seus servizos o almorzo, o xantar e a merenda; tódalas Galescolas posúen persoal de portería, orde e mantemento dos materiais, tarefas de apoio administrativo, apoio en cociña, etc., co profesorado dedicado exclusivamente á súa función educativa.
As Galescolas teñen reserva de praza por cada grupo de idade para casos de emerxencia, ofertan prazas para casos de necesidade urxente e tempo limitado, desenvolven programas de conciliación para escolares de 3 a 12 anos, antes do horario de comezo da educación infantil e primaria, na franxa horaria que queda libre.
En definitiva, coa incorporación da Escola Infantil á rede de Galescolas, pretendía o BNG, que foi quen creou a actual Escola Infantil nas Pontes, ofertar un maior número de servizos, favorecer mellor a conciliación laboral e familiar e tamén minorar os custes que todo o Concello ten que soportar para manter este importante servizo aberto.
O Goberno do PSOE optou por outro camiño, está no seu dereito, mais para iso non hai porque faltar á verdade.
Por último, e como coartada social, o PSOE tamén minte cando di que o actual profesorado perdería o seu posto de traballo ao transformase en Galescola, hai exemplos dabondo en Galiza onde a totalidade do profesorado das escolas municipais pasaron integramente á rede pública de Galescolas (Burela, Culleredo, etc.), pero é que ademais dáse o caso de que algunhas desas profesoras que estaban nas Pontes hoxe, voluntariamente, decidiron traballar en Galescolas doutros Concellos.
Veremos, co paso do tempo, se a opción decidida polo actual Goberno Municipal é a correcta, ou si perderemos un incremento no servizo que xogue a favor doutros Concellos limítrofes (de varias cores políticas), que optaron sen dubidalo en formar parte da Rede Pública de Escolas Infantís (Galescolas).
As Pontes, 26 de setembro de 2008

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios