O As Pontes respira tras gañar ao Castro

60

[Diario de Ferrol] O As Pontes respira na clasificación logo da victoriade onte. O partido pintaba ben cando comezou cunha acción que rematou en gol de Boo, anque anulado por fóra de xogo.


Era o minuto 13 e o primeiro aviso trala saída en tromba local. Sen ter que agradar moito, chegaba a ocasión máis clara, cun remate de Víctor e outros cinco minutos despois foi Chote o que estivo a piques marcar. A rapidez que lle imprimían ás súas accións os azuis desarbolaba unha e outra vez a un Castro que se amosou con moita separación entre as liñas, espazos que aproveitaban moi ben os locais. Cando os vermellos se asentaron mellor, o partido equilibrouse e a súa única chegada estivo moi perto de acabar en gol, cun disparo que malogrou Iván, cando se ía cumprir xa a media hora.
Co cero a cero ó descanso, o encontro reanudouse recuperando o mesmo guión que na primeira parte. Foron os locais os que quedaron co balón. O partido íaselle poñer de cara de contado. Tan só ían catro minutos cando Piru cruzou ás mallas un balón que lle puxera dende o extremo contrario Pablo. E antes de que se cumpriran os dez minutos, chegou a expulsión do lateral Alfonso, que deixaba ó Castro con dez homes. Cando os visitantes semellaban telo todo perdido estiraron as súas liñas, e volveu aparecer o nerviosismo nos de As Pontes, que se viron superados, ata o punto de que o Castro creu na remontada, e no minuto 74 establecía a igualada. Foi Toño quen gañou a banda dereita para centrar a Iván que desta vez si acertou coa porta. Cando a afección pontesa comezaba xa a decepcionarse veu o 2-1, por medio dun Rebolo que está a resultar providencial. Viña de entrar, e aproveitou unha asistencia de Pedro para marcar a tan só doce minutos do final. E por se fora pouco, no minuto 80, o Castro quedaba con nove, logo de que as protestas do central Luis lle fixesen ver o segundo cartón.
Aínda así, a victoria non estaba tan clara, porque os de Mandiá atrevéronse a seguir arriba, e houbo que agardar a unha contra no minuto 93 para que Rebolo, logo de combinar con Esmorís, marcase o definitivo 3-1.
AS PONTES 3
CASTRO 1
As Pontes: Ángel, Rivas, Alberto, Chote, Boo, Alonso, Pablo (Rebolo, min. 67), Esmorís, Pedro (Aguado, min. 85), Víctor (Troncho, min. 71) e Piru (Seco, min. 90).
Castro: Mundín, Alfonso, Toño, Luis, Chasis, Vilela (Mecy, min. 60), Iván, Nando, Braña, Cascudo e Alberto.
Árbitro: Gallego Hernández, de A Coruña, con Vázquez e Ferreiro nas bandas. Amosou cartóns amarelos a Rivas, Alberto e Chote no As Pontes, e a Chasis no Castro. Expulsou a Alfonso, no minuto 54, e a Luis, no 80, os dous por dobre cartón amarelo.
Goles: 1-0 min. 49: Piru; 1-1 min. 74: Iván; 2-1 min. 78: Rebolo; 3-1 min. 93: Rebolo.
Campo: O Poboado.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios