A feira das Pontes recupera as maridaxes

55

Diario de Ferrol. As Pontes celebrará a décimo novena edición da súa feira de fungos e cogomelos o 1 de novembro. A novidade deste ano é que se recuperan as maridaxes, unha proposta que xa se fixera con anterioridade pero que se abandonara nos últimos tempos. Instalarase unha caseta na que se ofrecerá ós veciños unha degustación de cogomelos e de viño e, en diferentes horarios, nocións básicas para que os interesados poidan elixir que bebida vai mellor con cada prato.


Esta proposta súmase ás habituais desta festa, que coincide ademais coa exaltación do mel que se promove desde a Casa do Mel de Goente. No patio do colexio de Santa María celébrase un concurso no que se premia o número de variedades de cogomelos que achega cada persoa. A continuación entréganse os premios dos concursos escolares e comeza unha degustación na que cociñeiros especializados preparan pratos (tamén postres) que teñen ós fungos e cogomelos como ingrediente principal.
Na rúa do colexio, a Alexandre Bóveda, ubícanse os postos típicos desta feira gastronómica mentres que os habituais feirantes que chegan ás Pontes o día 1 trasládanse á Canle IV.
Outra das novidades da Feira de Fungos e Gogomelos e da Feira do Mel das Pontes é que este ano, para potenciar a asistencia e, de paso, axudar ó goberno local, celebrarase unha feira de oportunidades na praza de América, na que xa confirmaron a súa participación unha trintena de establecementos. O Concello reúnese esta tarde cos vendedores para ultimar os detalles desta proposta.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios