As Pontes exprimiu ao máximo o sabor dos cogomelos

39

[Diario de Ferrol] Só o mal tempo empañou algo a celebración dun dos días máis intensos do ano, festivamente falando, no concello das Pontes. A XIX Feira do Fungo e do Cogomelo é o evento sobre o que gravitan outras iniciativas de toda caste, desde a exaltación gastronómica até o mercado de oportunidades.


setas.jpg
O concello das Pontes viviu onte, malia o pésimo tempo que acompañou todo o día, a Feira de Fungos e Cogomelos máis completa de todas cantas se teñen celebrado até o de agora, e xa son dezanove, cifra na que a asociación micolóxica Poupariña ten moito que ver.
Nesta ocasión houbo varios motivos para achegarse ao municipio pontés. En primeiro lugar, a celebración da feira micolóxica no recinto do colexio de Santa María, que abriu as portas ás nove e media da mañá para recibir aos concursantes no tradicional certame de cestas de fungos, que estiveron expostas durante toda a mañá até o momento en que se deu a coñecer o veredicto do xurado, que destacou, antes de nada, a diversidade na procedencia dos participantes, que foron non só do municipio anfitrión, senón tamén de Narón, Mugardos, Muros, Oleiros, A Coruña, Ordes e Ames, entre outros. Finalmente, o primeiro premio -dotado con 300 euros, mesma contía que o especial, que recaeu en Clara Martínez Penabad- foi para a cesta de José Luis Cuba Crespo. O segundo -180 euros- levouno Vicente Cribeiro; o terceiro -120- Miguel Ángel Mazás; e o cuarto e mais o quinto -ambos de 60- Carmen Crespo e Isabel Ramos, respectivamente.
Tamén pola mañá, aínda que un pouco máis tarde, abriu o recinto da feira con motivo da IX Feira do Mel artesán e os expositores de produtos ecolóxicos e de outono, así como as portas da casa Don Pedro, onde se puideron ver os traballos dos escolares para o concurso “O mundo da micoloxía”. Un obradoiro sobre maridaxe de cogomelos e viño impartido polo experto Jesús Blanco Rey nese mesmo lugar e degustacións de mel e queixo do Eume -por cortesía da delegación eumesa da Asociación Galega de Apicultura e Queserías do Eume-, de pratos cociñados con fungos, de chocolates e cafés do mundo e de produtos varios do Eume precederon o menú elaborado a base de fungos polo módico prezo de 9 euros.
Paralelamente tiveron lugar outras actividades, tales como a apertura do Museo Etnográfico de Monte Caxado e o primeiro mercado de oportunidades Vila das Pontes “Moda 2008” -até as seis da tarde na Praza de América- na que tomaron parte uns trinta comercios da vila ou a decimosétima mostra folclórica Vila das Pontes organizada pola asociación cultural Alende no auditorio do Cine Alovi, e que contou coas actuacións de Lembranzas do Condado de Doniños, Chirindaina de San Xoán de Ferrol e Tanxedoras do Pandeiro de Vigo.
A esta oferta hai que engadir outra impulsada polo propio Concello: a chamada “Tapa As Pontes”, un roteiro por bares e cafetarías do municipio que ofreceron un pincho preparado con cogomelos con cada consumición. En total foron vinte os establecementos hosteleiros que se sumaron á iniciativa.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios