O MISTERIO DO VASO CAMPANIFORME DA VILAVELLA – Capítulo I

74

Descrición
• Boca de 155 mm. de diámetro.
• Beizo redondeado de 6 mm. de grosor, con borde cóncavo.
• Corpo convexo de 160 mm. de diámetro e 8 mm. de espesor.
• Fondo cóncavo con diámetro de 65 mm.
• Tonalidades marronáceas nas zonas interiores e exteriores, coa zona central negruzca.
• Estilo de decoración: marítimo-internacional .
• Decorado na zona exterior, a base de bandas incisas en número de sete, que alternan con bandas libres.
Historia e condicións do achádego
No ano 1883 o ferrolán Santiago La Iglesia, doutor e naturista afeizoado á arqueoloxía atopaba varios fragmentos de cerámica campaniforme os primeiros aparecidos en Galicia, en dúas mámoas de Veiga da Vilavella no concello das Pontes de García Rodríguez.


Primeira restauración
Nun primeiro momento La Iglesia, uniu os fragmentos atopados nunha única peza, erro que sería rectificado no ano 1907, cando o Servicio de Investigaciones Arqueológicas de la Diputación Provincial de Barcelona, logo do seu exame e reconstrución concluía que se trataba de dous vasos e que La Iglesia unira a parte superior dun coa parte inferior doutro. A pesar de non estar completos reconstruíronse ámbolos dous e obtivéronse moldes cos que se fixeron copias que se enviaron a museos europeos e españois cos que o servizo tiña relación.
Logo desa restauración os vasos volveron á colección La Iglesia onde estiveron depositados ate a morte deste, momento no que foron doados á Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, sendo este o último depósito coñecido das pezas.
Segunda restauración
Entorno aos anos 90 un dos vasos sufre un accidente no seu depósito e escacha en varios fragmentos polo que é trasladado ao Laboratorio de Conservación e Restauración do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde é estudado e restaurado ao abeiro dun proxecto no que se levan a cabo diferentes tratamentos de conservación e restauración do recipiente. En concreto faise unha limpeza e eliminación das antigas intervencións realizadas sobre a peza, acométense ademais tarefas de desalación, secado e consolidación así como de decoración e restauración.
Depósito e exposicións
Existen diferentes referencias bibliográficas nas que se identifica á Universidade de Santiago como depositaria da colección na que se atopan incluidos os exemplares campaniformes.
No ano 1992 ten lugar baixo a organización do Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira unha exposición nos locais sociais de Endesa nas Pontes (LAR) co título As Pontes: escenario funerario na Prehistoria. A mostra posibilitou que tódolos veciños das Pontes puidesen contemplar os dous fermosos exemplares das coleccións Maciñeira e La Iglesia, cedidos polo Departamento de Historia I da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, ademais dunha serie de obxectos de pedra pulimentada aparecidos noutros monumentos megalíticos da comarca.
Situación actual
A seguinte data que nos ocupa é o 26 de novembro de 2006, cando por medio dun artigo publicado no xornal El Progreso, temos noticia da desaparición dun dos vasos do seu lugar de depósito oficial. Esta situación é denunciada publicamente polo historiador vilalbés José Luís Novo Cazón, quen logo de recibir unha réplica do vaso campaniforme co motivo da súa participación nunhas xornadas organizadas pola asociación pontesa HUME, afirma que a peza falta dunha das vitrinas da facultade dende hai varios anos.
No mesmo artigo a USC recoñece non ter constancia do lugar no que pode estar esta reliquia, que tampouco se atopa catalogada na súa base inventarial e que nunca formou parte de ningunha exposición na institución educativa. Dende o vicerreitorado de Cultura e dende a Dirección Xeral de Patrimonio declaran que o vaso podería non ter sido catalogado como acontece con algunhas pezas arqueolóxicas.
Hai que sinalar ademais que o propio Concello das Pontes agasalla aos seus visitantes distinguidos cunha reprodución arqueolóxica do vaso, como produto representativo da vila das Pontes.
O vaso campaniforme na bibliografía científica
O enorme número de artigos científicos que se publicaron dos vasos, manifesta o seu interese como parte da configuración do fenómeno da cultura campaniforme en Galicia. A nosa intención é pór a disposición dos @migus, os datos e as informacións que estas pezas xeraron, co fin de prender unha luz na escuridade das institucións responsábeis da custodia e protección do noso patrimonio cultural.
O primeiro traballo que imos a presentar esta semana, pertence ao prehistoriador catalán Luís Pericot García. Trátase dun artigo publicado no Boletín da Real Academia Galega no ano 1927, que establece as condicións e circunstancias do achádego dos vasos, así como a súa restauración en Barcelona. Cabe sinalar que Pericot investigou amplamente sobre os xacementos paleolíticos, o arte rupestre e a cultura dolménica da península. Algunhas das súas obras máis importantes publicáronse na primeira metade do século XX, tales como: La civilización megalítica catalana y la cultura pirenaica (1925), La España primitiva y romana (1934), La cueva del Parpalló (1942) y La España primitiva (1950).

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios