As Pontes amosa a historia de España a través das imaxes de Manuel López

43

[Diario de Ferrol] A exposición itinerante “Manuel López 1966-2006” chega hoxe mesmo ás Pontes. As fotografías deste coruñés, fundador e director da revista Foto e presidente da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión, poderán verse no Mercado Vello ata o 9 de xaneiro.


Esta colección de fotografías constitúe un repaso pola carreira de Manuel López e, ó mesmo tempo, pola historia recente do país. Trátase, segundo apuntaba o propio autor, dos apuntes dun cidadán que “cunha cámara, quería contar o que acontecía na España das últimas décadas”. A antolóxica serve para homenaxear a un profesional que ten ademais o título de Fotógrafo Histórico que outorga a Deputación da Coruña.
Manuel López é natural de Vilasantar pero reside en Madrid desde 1970. Comezou os seus estudos de fotoxornalismo na Bikla-Schule de Colonia (en Alemaña) e, rematada a carreira, comezou a colaborar con cabeceiras como Gaceta Ilustrada, Cuadernos para el Diálogo, El Periódico ou Tiempo. En 1982 funda Foto, da que é director. Publicou ademais en medios como El País Semanal, Viajar, La Calle, Nuestra Escuela ou Nueva Lente, nas seccións que dedican especificamente á fotografía.
Manuel López ten ademais un forte compromiso co seu colectivo, xa que ocupa postos como a secretaría xeral da Asociación Provincial de Informadores Gráficos de Madrid ou a presidencia da Asociación Nacional. Exerceu como profesor universitario en Madrid e segue vencellado á docencia a través das súas clases na Escola Superior de Publicidade de Nebrija, en donde imparte as asignaturas de Producción Gráfica e Fotografía Aplicada.
A exposición das Pontes inaugurarase á unha da tarde. Estará presente o alcalde, Valentín Formoso, así como a deputada provincial Montserrat García e o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios