Denuncian o risco no que queda a necrópole da Mourela pola autovía AG-64

72

Diario de Ferrol. A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes denunciou publicamente diversas situacións con motivo da próxima inauguración do treito As Pontes-Cabreiros, pertencente á autovía AG-64 Ferrol-Vilalba. Neste senso, rexeitan a “desestruturación da necrópole megalítica da Mourela provocada pola autovía, que deixa dividido pola metade un conxunto formado por tres mámoas”, así como a situación de risco na que, ao seu xuízo, queda unha delas. Refírense á situada a tres metros do borde norte do talude, “lonxe dos 50 metros de protección establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio en xuño de 2007”.


A non reversión social dos coñecementos derivados das excavacións desta necrópole, que logo de máis de tres anos de investigacións, dous equipos de arqueólogos e unha financiación próxima aos cinco millóns de euros, “aínda non foron publicados nin presentados á cidadanía” é outro dos aspectos que denuncia esta Plataforma. A isto únese tamén a “catástrofe medioambiental que está a afectar aos ríos Eume, Chamoselo, Lavadoiro e Trimaz” que, segundo sinalan desde a Plataforma, é consecuencia da “mala planificación da autovía, que ademais de ocasionar a destrución do circuíto lítico da Mourela está a exterminar os ecosistemas fluviais da nosa comarca”.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios