Nota de Prensa : Asociación Cultural do Eume

40

Aos políticos da comarca do Eume:
Os que no seu día destruíron os restos do círculo lítico e profanaron o lugar sagrado da Mourela, construído polos mouros e adicado a honrar aos seus mortos, veñen a inaugurar a magna obra de enxeñería, que para eles supón a AG-64. Veñen ao Outo Eume a facerse fotos, veñen a facerse fotos á escea do crime, veñen a sacar a derradeira estampa que os vinculará con tan molesta obra.
Empregando a terminoloxía que utilizaba algún enxeñeiro, a maldición da Mourela, exténdese máis alá do imaxinábel, alén da realidade e o espacio material. Créase entón un microcosmos no que a visión dun lamacento Chamoselo que flúe, coma o denso paladín ao ser remexido na taza. Esa espesura das augas que resaltan o avermellado das piritas, e que acentúan o seu matiz no momento carnal final. Ese momento no que o virxinal Chamoselo fecunda coas súas vermellas augas o verde e limpo cauce do pai Eume. Prodúcese neste intre un big bang de pequenas proporcións, que sen dúbida afecta ao paternal efluvio, provocándolle arcadas e combulsións, que de non pór fin ao coito fluvial continuarán agotando ao vello río.


E enriba un furado, no monte sacro, construído para honrar aos guerreiros caídos, aos defuntos antepasados que loitaron pola súa propia supervivencia, garantía da nosa existencia. Nós, a cambio honrámolos cunha gabia descomunal, a máis profunda de España e a máis limitada en canto a estabilidade. Todos sabemos xa que a estabilización da Mourela pasa por aumentar o grao de inclinación dos taludes, para o que sería necesario máis terreo a ambos marxes. Máis terreo na Mourela, implica tres mámoas máis destruídas ou o que é o mesmo toda a necrópole da Mourela destruída a cambio da seguridade dos usuarios da autovía. Por nós adiante, podedes escavar as mámoas e solucionar o problema, mais cremos que vai sendo hora de que vos plantexedes se este proxecto que executáchedes era o máis axeitado, e en todo caso cales son as vosas responsabilidades en tanto en canto éste, supuxo a destrución dunha necrópole megalítica de incalculable valor patrimonial e fondamente estudada e coñecida pola comunidade científica galega, cuxa excavación que especulaba sobre unha posible estrutura medieval aínda non foi feita pública, nin os resultados das excavacións revertiron en ningunha medida no coñecemento social dos mesmos por parte dos cidadáns. Non debemos esquecer que son estes, os habitantes dos lugares os que merecen coñecer que é o que alí había, para que servía, de que época era, que se atopou, poder valorar e taxar dalgún xeito o que entre todos se sacrificou para poder ter a autovía.
Isto en canto ao tema PATRIMONIO. En canto ao tema MEDIOAMBIENTE, que dicir, salvo que vergoña… Que vergoña de políticos que non só erraron na contratación dunha empresa para a recuperación do río Eume, senón que repiten a xogada contratándoa de novo para a recuperación do río Chamoselo, proxecto que a día de hoxe aínda non se iniciou.
As imaxes que calquera veciño co seu aparato de fotos, pode tomar estes días do Chamoselo son cando menos alarmantes e débennos levar a pregutarnos que é o que estamos a facer co noso medio de vida, cos nosos recursos naturais. Nun intre no que tódolos gobernos se enchen a boca falando de cambio climático, preocupémonos máis polos problemas locais e concretos e deixemos de tanta palla mental con rollo da ecoloxía e o desenvolvemento sostíbel. Actuar no Chamoselo é deixar de pallearse, actuar no Chamoselo é afrontar a situación actual e deixar a un lado a festa do Nadal para entristecerse e preocuparse polo que lle está a pasar aos nosos ríos. E actuar en todos os ríos cremos que é importante, pois non por ser de menor entidade como o caso do Lavadoiro debe ser menos necesario actuar, pois este é afluente do Chamoselo e é o que lle está aportando maior cantidade de efluvios da autovía.
Hoxe esta catástrofe medioambiental no interior de Galicia, está a afectar aos ríos Eume, Chamoselo, Lavadoiro e Trimaz, e está derivada da mala planificación da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba e da incompetencia dos nosos políticos que pese a coñecer as deficiencias que presentaba o proxecto inicial, que eles mesmos criticaron, como pertencente ao anterior goberno do PP, seguiron adiante con un proxecto que a día de hoxe segue ameazando aos nosos recursos naturais e culturais.
Antonio Martínez Ledo
Presid. Asociación Cultural do Eume
22/12/08 – Outo Eume

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios