Entrevista á pontesa Gema Buitrón Cortiñas

185

[Entrevista cortesía de Xóse Ferreiro] Acaba de chegar de Alicante tras proclamarse Campiona de España Absoluta de Tiro con Arco e medalla de bronce por equipos. Mantiven unha conversa coa arqueira Gemna Buitrón e estas foron as súas impresións.

gema_buitron_1.jpg


Hola Gema, noraboa, falanos un pouco do Campionato, ¿foi tan doado como semella polo marcador ou foi máis complicado do que parece?
Boas! pois a verdade é que ningún campionato a este nivel é doado para ninguén, pero a forma na que me atopei alí e a actitude que levaba fixeron que o resultado fose cómodo para min.
Este título absoluto chegache moi nova, con apenas 19 anos, ¿cres que os adestramentos tan intensivos que estás a levar a cabo durante este ano e medio están a dar o seu froito?
Por suposto que sí. Coido que agora é cando comeza a notarse todo o que levo facendo, espero que isto sexa tan só o principio.
Na túa vida diaria apenas hai tempo para o ocio e a diversión como o resto de rapaces e rapazas da túa idade, pero despois de conseguir ser Campiona de España Absoluta o esforzo e o sacrificio merecenche a pena supoño, ¿que sintes ó conseguir este título e de quen te lembras máis nestes momentos?
Bueno, un ratiño sempre se saca! (risas) non? pero claro que merece a pena, son estes momentos os que che recordan por qué estás facendo o que fas, e porque o elixiche. Sempre me lembro moito da xente que estivo desde o comezo, dos meus pais, do meu primeiro adestrador serio (Alberto Blázquez), de tódolos compañeiros do Clube Sílex, e tamén dos meus amigos, que a pesar de que moitísimas veces non puidese estar con eles por competicións e demáis sempre están ahí.
¿Que é o que máis botas de menos de As Pontes e o que máis che gusta de Madrid?
Buf, de As Pontes boto de menos todo en xeral, boto de menos poder saír a dar unha volta polo pobo cos amigos e ir andando pola rúa saudando cada dous pasos (aínda que outras moitas veces encántame saír por aquí por Madrid a perderme entre a xente precisamente porque sei que non atoparei ninguén que coñezo), estar en casa, pasarme unha tarde enteira tirando no meu campiño de tiro no poboado … son moitas cousas! pero está claro que tamén aquí hai moitas outras que me gustan e que fan que isto xa sexa como estar en casa tamén, os meus compañeiros e adestrador que xa son a segunda familia, a residencia, os amigos da Universidade … de todo un pouco.
Falando de As Pontes, ¿como ves o Tiro con Arco local? Anque aínda es moi nova, ¿cres que pode haber algún sucesor teu no Clube Sílex?
Por suposto que sí! Agora comezaron desde fai dous anos a traballar sobre todo catro cativos nos que teño esperanzas postas. Son Daniel Corral, Maikel Alvariño, Jacobo Barro e Sergio Buitrón (que como o apelido indica é o meu irmán pequeno). Están traballando tanto co meu pai e Alfredo como adestradores, e por suposto coa axuda dos demais arqueiros do clube, sobre todo de Adriano, Carlos Romero e de Carliños. Aínda lles queda moito por facer, pero estando onde están eu espero e sei que traerán algunha que outra alegría ó noso pobo!
¿Como ves o Tiro con Arco en Galicia? Por exemplo, na Comarca de FerrolTerra están saíndo grandes talentos, coma ti, a naronesa Iria Grandal ou o ferrolán Iván Castro. ¿Como ves ós dous?
Pois tanto a un como a outro coñezoos desde que comezamos, desde que non levantábamos dúas cuartas do chan, e a verdade que fomos mellorando xuntos. De Iván non podo dicir moito porque non tratei tanto con el como con Iria, pero polo que estou vendo leva unha boa proxección. E por parte de Iria, qué dicir! Adestramos xuntas moito tempo á vez de ser rivais en case todo, agora vivimos xuntas, é como a miña irmá case, e dela sí que podemos esperar moitos triunfos, ten moitísimo talento.
Competir en Campionatos Europeos e Mundiais coa selección española supoño que será o máximo para ti. Falanos un pouco destas experiencias internacionais e que destacarías das túas compañeiras/os de selección.
De momento sí, espero poder falar algún día da experiencia duns Xogos! Pero sí podo dicir que todos estes campionatos (un Mundial e un Europeo Junior e un Europeo Senior) foron experiencias moi positivas aínda que non en todos a competición en sí foi como esperaba. A verdade que o mellor deste tipo de campionatos é a viaxe e todo o que se aprende tanto de tiro con arco como do resto. Por sorte tiven (e teño) uns compañeiros/as de equipo que coñezo tamén desde que comecei nesto, e os recordos son positivos de todas elas, aínda que como dixen antes algunha non fose precisamente ben para min.
A nivel internacional, ¿cal é o arqueiro/a que máis che gusta?, ¿cales cres que son os/as mellores?
Hai moitísimos arqueiros que considero moi bos, pero para min os coreanos son os mellores, e os records do mundo e as medallas o demostran! Se tivese que elexir teríao bastante difícil, pero coido que elexiría a Park Sung Hyung, é unha arqueira que ten unha técnica perfecta e sempre foi un exemplo a seguir nos meus propios cambios. Penso que de entre todos aqueles que admiro, ela podería ser a primeira.
Eres campiona galega e española en tódalas categorías, medalla de bronce no Mundial Universitario, 5ª na European Junior Cup, participas en campionatos internacionais coa selección española … resumenos un pouco todos os teus títulos e medallas para decatarnos do moito que levas conseguido ata o de agora.
Bueno, pregunta difícil se a memoria que tes non é moi boa!(cousa que me pasa a min claro!). Pois para comezar gañei os Campionatos Galegos tanto de sala como de aire libre en tódalas categorías desde que comecei a tiralos que sería sobre o ano 2002-2003 … non o teño moi ben calculado … o primeiro Campionato de España que gañei foi o Infantil en Madrid no ano 2003, en Vitoria no 2004, no ano 2005 gañei o primeiro Campionato de España Junior en sala que se facía, que foi en Ciudad Real. Ese mesmo ano fixen a primeira saída internacional a unha Junior Cup en Italia na categoría Cadete, onde quedamos cuartas por equipos en verán, e quedei segunda no Campionato de España Cadete. No 2006 comezaron as saídas internacionais máis importantes ás Junior Cups xa como junior a Alemaña (onde quedei 5ª), Praga (segundas por equipos), e ó Campionato do Mundo Cadete e Junior en México. Ó ano seguinte quedei segunda no Campionato de España Junior en sala de Salamanca, saín internacionalmente co equipo junior a Chipre (quedei quinta) e ó Campionato de Europa (cuartas por equipos), e coa Absoluta por primeira vez ó Campionato do Mundo de Alemaña. Foi ó comezar o curso cando entrei aquí na Blume e quedei segunda no meu último Campionato de España Junior en Huesca, gañei o Campionato de España Universitario, logrei entrar no equipo nacional do ano, saín ás Copas do Mundo de Croacia, Francia e ó Campionato de Europa tamén en Francia, quedei campiona de España por equipos con Iria Grandal e Magdalena Beltrán, e tamén fun ó Campionato do Mundo Universitario en Taipei (bronce en mixtos con Daniel Morillo) e ás concentracións do equipo nacional aquí en Madrid e no Cairo (Exipto), tanto no 2008 como agora no 2009, ano no que tamén estou dentro do equipo nacional e que comezo como ben sabedes. Agora xa coa vista posta definitivamente no Mundial de Polonia en Marzo.
¿Cal é o título que máis valoras e que máis ilusión che fixo?
Pois tódolos Campionatos de España son importantes por moitos motivos, pero coido que as medallas que máis valoro foron a de prata de Praga por equipos por ser a primeira medalla dun equipo de rapazas nun internacional, o Campionato de España Universitario porque estaba nun momento un pouco baixo e foi un campionato moi bonito, e tamén por suposto a do Mundial Universitario porque significou moito para min.
Este é o teu segundo ano no Centro de Alto Rendemento “Joaquín Blume”, falanos un pouco deste ano e medio en Madrid, ¿como é a túa vida diaria?, ¿que tal cos teus compañeiros/as de adestramento e de residencia?, ¿hai algún que sexa moi coñecido/a públicamente?
A miña vida diaria é sinxela pero intensa; polas mañás vou a clase tódolos días, e os que non teño (como fins de semana), adestro ás nove. Chego a comer sobre as dúas, e comezo a adestrar ás catro, ata as nove, nove e media (físico e técnico tódolos días; ximnasio e carreira ou piscina). Cos compañeiros cos que paso máis tempo é cos meus compañeiros de adestramento, que xa somos como unha familia. Agora mesmo así coñecidos aquí pola residencia tódolos días está Gervasio Deferr de ximnasia ou Higuero de atletismo. Pero hai bastantes deportistas famosos que veñen por unha temporada de concentración ou que simplemente veñen a adestrar por aquí.

gema_buitron_2.jpg

Anque es unha deportista moi sacrificada e dispós de pouco tempo libre, ¿en que che gusta invertilo? ¿cales son as túas afeccións?
A verdade é que ultimamente o pouco tempo libre que teño vaise estudiando. Pero sempre que podo gústame ir ó cine, perderme un pouco por Madrid, saír de festa cando se pode, a cear fóra, ou simplemente poñer música e ler un rato na habitación.
Viaxas moito por ahí. Dime algúnha cidade ou país que che chamara a atención, que che gustase moito.
Un país que me chamou moito a atención foi Exipto, mirar por fóra da rexa do campo de tiro era como estar dentro dun telediario da televisión. O mercadillo era como o das películas, había xente por todas partes, o ritmo da cidade era totalmente frenético, as pintas curiosísimas, as pirámides unha pasada …
¿Por que te iniciaches no tiro con arco? ¿Qué foi o que che atraeu deste deporte?
O motivo de que comezase neste deporte foi o meu pai, el practicabao os fins de semana e un día pregunteille se podía ir con el. A verdade é que ó principio probei e deixeino, non lle atopaba moita gracia porque era moi pequena aínda, pero outro día deume por volver e comecei a engancharme ata acabar onde estou! Supoño que depende da persoa, pero para min o tiro con arco é algo máis que un deporte, é como unha vía de escape.
O teu pai tamén é arqueiro, ¿dache moitos consellos ou é dos que prefire que vaias medrando pouco a pouco e pola túa conta?
Fai o que pode. Déixame moito ó meu aire, coido que desde sempre ensinoume a tomar as miñas propias decisións e a ser crítica, así que supoño que por iso sempre estivo e está ahí para calqueira cousa que necesite, pero nunca quixo impoñerme nada; dame consellos cando o considera necesario ou cando llo pido directamente.
A pesar de ser so o teu segundo ano na categoría senior, xa eres Campiona de España Absoluta. Xa sei que tes que ir paso a paso e a modiño, pero ¿crees que nun futuro podes ser a nova Almudena Gallardo do tiro con arco español?
(Risas) Sería xenial poder dicilo así. A verdade que conseguir o que ela conseguiu xa é moito, e a parte de que sempre foi un exemplo, foi compañeira de equipo e é amiga, así que por todo iso a admiro.
¿Cales son os teus obxectivos principais para este ano 2009?
Conseguir unha Beca ADO, e para iso habería que quedar entre as oito primeiras nun Campionato do Mundo. Temos as esperanzas postas na competición por equipos.
Aínda queda moito e poden pasar moitas cousas, pero si che falo de Londres 2012 …
Ilumínanseme os ollos! Espero poder estar alí, que para iso principalmente é para o que estou aquí traballando. Parece que queda moito, pero en realidade xa estamos adestrando contrarreloxo.
Moitísimas gracias Gema e que teñas moita sorte no futuro. Estaremos pendientes de ti. Foi un auténtico placer.
Gracias a ti
gema_buitron_3.jpg

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios