Gema Buitrón será mundialista en marzal

30

[Diario de Ferrol, por X.F.] Primeiro foi o Europeo -o pasado ano 2008- e, o próximo marzal, será o Mundial. A pontesa Gema Buitrón, que ven de proclamarse campiona de España absoluta de arco recurvo, encabezará o equipo de España na competición máis importante despois das Olimpiadas e afianza os seus pasos de cara, precisamente, a unha futura presencia en Londres 2012.


A trascendental cita será en Polonia a primeira semana do próximo mes, pero antes, Gema disfruta dun novo título no seu palmarés -xa foi campiona de España en tódalas idades e categorías-.
­Nova convocatoria internacional e medalla de ouro. Este 2009 ¿que máis che pode ofrecer?
­Conseguir a beca ADO, por exemplo. Habería que quedar entre as oito primeiras no Mundial. Temos bastantes esperanzas na competición por equipos.
­¿É moi pronto para falar de ir ás Olimpiadas de Londres?
­Ilumínanseme os ollos! Espero poder estar alí, parece que queda moito, pero xa estamos adestrando contra o reloxo.
­En Polonia terás a oportunidade de ver ós mellores arqueiros do mundo. ¿Quen son os que máis che gustan?
­Os coreanos son os mellores, e os records do mundo e as medallas o demostran. Eu elexiría á arqueira Park Sung Hyung, que ten unha técnica perfecta.
­Volvendo ó campionato de España, deu a sensación de que fora moi doado para ti…
­Ningún campionato é doado, pero a forma na que me atopei e a actitude que levaba fixeron que o resultado fose cómodo para min. Coido que agora é cando comeza a notarse todo o que levo facendo.
­Con 19 anos o título absoluto e unha chamada para o Mundial. ¿Valeron a pena os sacrificios? ¿De quen te lembras nestes momentos?
­Si que merece a pena. Lembrome moito dos meus pais, do meu primeiro adestrador serio, Alberto Blázquez, de tódolos compañeiros do Clube Sílex, e tamén dos meus amigos e amigas.
­¿Botas de menos As Pontes estando agora na Blume?
­De As Pontes boto de menos todo. Saír a dar unha volta cos amigos e estar na casa, pasarme unha tarde enteira tirando no meu campiño de tiro no Poboado, pero en Madrid ás veces encantame saír e perderme entre a xente, e tamén estou como en casa, pois os meus compañeiros e adestrador xa son a miña segunda familia, tamén os da residencia, os amigos da Universidade …
­E Iria Grandal, boa amiga..
­Adestramos e vivimos xuntas, é como a miña irmá casi.
­Iria e Iván Castro, os dous de Ferrolterra, son firmes promesas do tiro con arco en Galicia..
­Pois tanto a un como a outro coñezoos desde que comezamos. Con Iván teño menos trato que con Iria, pero polo que estou vendo leva unha boa proxección. E por parte de Iria podemos esperar moitos triunfos, pois ten moitísimo talento.
­¿Cal é o título que máis valoras e que máis ilusión che fixo?
­Tódolos Campionatos de España, a medalla de prata en Praga por equipos -Junior Cup, ano 2006-, e o Campionato de España Universitario.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios