Estupor e perplexidade na comunidade galega polo galardón a Microsoft

44

O recente premio outorgado a Microsoft, polos gobernos de Galicia, Euskadi, Catalunya e Illes Baleares, pon de manifesto o completo desprezo da Secretaría Xeral de Política Lingüística, directamente dependente de Presidencia.
A comunidade galega fai público o seguinte manifesto:


“A comunidade de software libre de Galicia, incluíndo a usuari@s, programador@s e tradutor@s que a conforman, e tras o debate oportuno nas canles de comunicación que nos son propias, coincidimos unanimemente na necesidade de facer público o estupor e perplexidade que nos produce a nova feita pública, o día 23/02/09, pola Presidencia da Xunta de Galicia na que se di, literalmente:
‘O premio á promoción da realidade plurilingüe consiste nunha distinción honorífica sen contido económico, e correspondeulle na súa primeira edición á empresa Microsoft, galardoada polo seu esforzo de xuntar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías.’
O noso estupor non procede de que o galardón se conceda a unha compañía privada, nin tampouco polo feito de que non valoremos a calidade ou esforzo do traballo realizado na adaptación ó galego dos produtos que Presidencia menciona a continuación na nova. A nosa perplexidade refírese a que non podemos comprender os motivos que levan ós gobernos balear, catalán, galego e vasco a outorgar o premio ó fomento ó plurilinguismo a unha empresa que non fomenta tal.
Microsoft é unha empresa internacional que obtivo no ano 2008 uns beneficios de 60.700 millóns de dolares e que ben puidera ter pagado por si mesma a tradución completa dos seus produtos ó catalán, éuscaro e galego, que en conxunto suman uns nada desestimables 14 millóns de persosas, un terzo da poboación española. Porén, as traducións dos seus produtos foron feitas por mediación dos gobernos locais, en determinados casos con aportacións directas ou ben con outro tipo de incentivos, cando xa só en concepto de licenzas Microsoft está a percibir millóns de euros anualmente desas mesmas administracións gubernamentais. Caso máis importante é que no caso de traducións de produtos de Microsoft que foron financiadas de xeito público os recursos lingüísticos xerados durante a tradución, que son de enorme valor, non foron postos a disposición pública. Tamén, as traducións de Microsoft Windows XP, Vista ou Office son traducións parciais e non inclúen a axuda, instalación ou outros elementos localizables. Para o catalán, éuscaro e galego, están concebidas como traducións subordinadas do español ou do francés no caso catalán; así que o usuario non ten libertade absoluta para instalar o soporte da súa lingua pois esíxeselle que teña determinadas versións dos produtos Microsoft Windows e Office da versión española ou francesa.
Que Microsoft traduza e ofreza servizos nas linguas propias destas comunidades non repercute máis ca no propio beneficio da empresa que atendendo ás necesidades lingüísticas dos seus usuarios, especialmente de tres do máis importantes, as populosas administracións dos gobernos balear, catalán, galego e vasco coas súas respectivas institucións locais, consegue afianzarse, ó teren xa produtos coñecidos e que ostentan monopolios, neste sector de mercado co efecto colateral de inhibir outras alternativas libres que xa dispoñen destes servizos (tradución das interfaces gráficas e correctores ortográficos ou gramaticais) a un custo nulo.
Así mesmo, a comunidade de tradución ó galego de software libre, síntese dalgunha maneira agraviada pola concesión do galardón así como seguramente se sintan as comunidade de tradutores de software libre do éuscaro e catalán, cos que nos sentimos identificados e apoiamos nesta mesma causa. De xeito similar ó que acontece nas outras comunidades mencionadas, en Galicia lévase máis de dez anos traducindo software libre ó galego de xeito anónimo, altruísta e comprometido. Neste tempo a nosa comunidade conseguiu acadar, por exemplo, a tradución completa dos ambientes de escritorio GNOME e KDE, as distribución Debian ou Ubuntu entre outras, o entorno ofimático OpenOffice e a suite Mozilla, os cales son todos proxectos que requiren un esforzo humano colosal. No seu conxunto, os produtos actualmente traducidos constitúen unha alternativa libre, carente de custo, ós produtos da empresa galardoada. Ademais, se falamos de soporte lingüístico, cremos que só o software libre ofrece igualdade de oportunidade e facilidades a tódalas linguas e para comprobar que é así non máis ca botar unha ollada ó que o software libre chega. Como exemplos, o ambiente de escritorio KDE tradúcese a un total de 103 linguas diferentes e GNOME a 110 linguas e as tradución non só se limitan ás maioritarias coma o Chinés ou o Ruso senón que permite a tradución a calquera lingua, poñase por caso o gaélico, o frisón ou o feroés, todas linguas minoritarias, pois o software libre pode ser traducido libremente por calquera que o desexe. En contraposición a isto, as linguas minoritarias non teñen interese económico para empresas como Microsoft así que a efectos del ocalización son ignoradas por completo. Nin sequera se facilita a súa tradución dun xeito externo á empresa como fai, por exemplo, Google con algún dos seus produtos.
Finalmente, a Consellería de Industria da man de Mancomun.org, nos últimos anos veu apoiando o software libre e a tradución ó galego dun xeito decidido e comprometido e expresión deste apoio son o plano PEGSI e os encontros de tradutores G11N así como que se conseguiran determinadas traducións, coma OpenOffice ou Mozilla. En conxunto, valoramos estes esforzos coma positivos. Por iso, ademais de polos motivos anteriores, apreciamos a concesión do galardón, a suxestión da Secretaría Xeral de Política lingüística, coma un xiro no Goberno na dirección oposta e incorrecta. Porén, confiamos e desexamos que a política futura do goberno galego avance apoiándose no software libre e erradicando manifestacións gratuitas e incoherentes coma esta.”

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios