O Concello en pleno ofreceu o seu apoio e axudas aos empregados da firma LM Composites Galicia

21

aspontes.com. A corporación municipal manifestou hoxe, nunha sesión plenaria de carácter extraordinario, o seu apoio unánime aos empregados da firma LM Composites Galicia, diante do complicado futuro laboral que se lles presenta.
O alcalde, Valentín González Formoso, en presenza dos traballadores e traballadoras da fábrica pontesa de LM Composites deu lectura á declaración institucional que contou coa sinatura e compromiso das tres formacións políticas con representación na cámara pontesa. Neste documento, recóllese o respaldo do Concello aos empregados da pranta pontesa en tódalas accións que garantan a defensa dos seus postos de taballo. Asemade, a corporación local pon a desposición deste grupo de traballadores tódolos instrumentos necesarios para garantir a viabilidade e futuro da firma en As Pontes.


Pola súa banda, o presidente do Comité de Empresa, Emilio Agra, agradeceu o respaldo ofrecido pola corporación municipal e solicitou a súa mediación para lograr a convocatoria urxente dun encontro coa Consellería de Industria para tratar este tema.
Pleno ordinario
No tocante á sesión ordinaria que daba comezo minutos despois, dábase conta da liquidación do orzamento de 2008 que resultou positiva dando lugar a un remanente nas arcas municipais de algo máis de 762.000 euros. O edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, foi o encargado de dar conta destas cifras e do que calificou coma unha xestión “realista e prudente” xa que, tal e como subliñou o concelleiro, “é bo ter sempre unha marxe de maniobra xa que a situación podería ir a peor”.
Ao longo da sesión, recibía luz verde a petición ao Estado da cesión ao concello dunha parcela de carácter rústico ubicada na parroquia de Bermui e que, hoxe en día, está a ser utilizada pola veciñanza da zona coma pista polideportiva.
Tamén contou co beneplácito de tódolos concelleiros presentes a adhesión de As Pontes ao Consorcio Eume – Ferrol – Ortegal que ten como fin poñer en marcha diferentes iniciativas para a dinamización e o fomento do turismo nestas tres comarcas. A través deste acordo, a voceira do grupo de goberno Montserrat García foi designada como representante do concello pontés neste novo órgano.
Por outra banda, tamén se acordou a cesión dunha parcela ubicada no polígono dos Airíos á firma Desguaces Vilavella xa que o seu anterior propietario denegou a posibilidade de levantar un proxecto empresarial na zona. Este acordo, tal e como subliñou na sesión o edil de Promoción Industrial, Óscar García, inclue a obriga por parte do novo propietario de empregar a lo menos a tres persoas en risco de exclusión social, tal e como recollía o acordo asinado co anterior propietario.
Mocións
No capítulo adicado ás mocións, dúas propostas do BNG foron sometidas a debate con diferente resultado.
No tocante ao primeiro texto, os nacionalistas demandaron a creación dunha comisión que se reunise semanalmente, integrada polos tres grupos políticos municipais e o técnico do Concello, e que tivese como obxectivo analizar e avaliar a creación de emprego a través das diferentes obras incluidas no Fondo Estatal de Inversión Local.
Partido Socialista e Partido Popular coincidiron en calificar de innecesaria esta medida ao estar recollido no Real Decreto de solicitude destes fondos a obriga de presentar unha completa e exhaustiva explicación de cada proxecto e dos postos de traballo creados en cada obra, ademáis dunha análise final de tódalas iniciativas acometidas.
Mellor resultado acadaba a segunda proposta do BNG para crear unha comisión especial que permita poñer en valor o patrimonio histórico pontés, que debería entrar en funcionamento denantes de tres meses, e que estaría integrada por representantes políticos, expertos e veciños.
Neste senso, de novo Partido Popular e PSOE coincidían calificando a medida como moi positiva aínda que facendo fincapé neste “repentino interese” dos nacionalistas polo patrimonio pontés que, ao longo de anteriores lexislaturas, non se puxo de manifesto.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios