Nota de Prensa BNG: O PLAN E DAS PONTES REBAIXA DE 130 A 19 OS EMPREGOS XERADOS

32

O resultado final pode ser menor, diminuíndo ate 7 os novos contratos.
O PP e Psoe impediron co seu voto en contra a creación dunha comisión de seguimento.
Na sesión do xoves, o Pleno do Concello das Pontes rexeitaba unha moción do BNG que pretendía facer un seguimento e unha análise final do chamado Plan E, que ten como obxectivo a xeración de emprego mediante o finanzamento de obras, 11 no caso das Pontes.
Tanto o Psoe como o PP xustificaron o seu voto en contra por considerar que dita comisión non era necesaria, aínda sabendo que unha das obras xa adxudicadas non creaba emprego algún; pero durante o debate deixaron ver as verdadeiras causas, xa que o goberno municipal afirmaba que sería suficiente con que o plan servira para manter empregos, afirmación que entra en contradición coa previsión inicial -en plena campaña electoral- de xerar uns 130 novos postos de traballo.


Tan só unhas horas despois de rematado o Pleno, celebrábase no Concello unha reunión de apertura das ofertas presentadas por 3 empresas, que comprometen a creación de 19 novos empregos, cunha duración máxima ate final de ano; pero o procedemento único utilizado polo Concello xunto co seu resultado pode dar lugar a que o número final dos postos de traballo xerados sexa aínda moito menor, chegando a uns 7 cunha duración de entre 2 e 5 meses.
Ben é certo que a cantidade de cartos que lle corresponde ao noso concello é importante, mais tamén o é que, cando menos nas Pontes, non se vai a conseguir o seu obxectivo: xerar emprego.
Asemblea Local do BNG das Pontes, sábado 4 de abril de 2009.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios