Richard Stallman volverá a Galiza para impartir unha conferencia en Ourense

84

Lendo beta.mancomun.org:
“O fundador do proxecto GNU e un dos maiores gurús do movemento do software libre, Richard M. Stallman estará en Ourense o vindeiro 29 de abril para ofrecer unha conferencia sobre as tecnoloxías e os estándares abertos. A súa charla, que terá lugar ás 20:30 horas no Ateneo de Ourense (San Lázaro), está organizada polo Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Ourense, GULO, en colaboración coa empresa galega Igalia e será de acceso libre e gratuíto.”…


…”A charla realízase como unha actividade paralela ao curso sobre Emacs que a asociación GULO está a coordinar para a súa celebración entre os días 29 e 1 de maio no Edificio Politécnico do Campus de Ourense e do que xa deramos conta en Mancomún.
Richard M. Stallman xa estivo en Galiza anteriormente, cando por iniciativa de varios grupos galegos de usuarios de software libre (GGUL) fora convidado a realizar un periplo polas universidades galegas. Naquela ocasión, entre o 28 de abril e o 2 de maio do ano 2005, ofreceu un primeiro relatorio en Ourense -”Software Libre e Documentación en Ciencias”, un en Vigo – “O perigo das patentes de software”, rematando cunha charla na Coruña – “O Movemento Software Libre e o Sistema Operativo GNU/Linux”.
Richard Stallman, creador do proxecto GNU/Linux
Fundador da FSF (Free Software Foundation), creador do Proxecto GNU e profesor no MIT, Richard Matthew Stallman é un dos nomes indiscutíbeis de referencia no mundo do software libre.
Nado o 16 de marzo de 1953 en Manhattan (New York) é coñecido, moitas veces, polas siglas RMS. Licenciouse en Física pola Universidade de Harvard en 1974. Durante a carreira traballou no Laboratorio de Intelixencia Artificial do MIT, onde aprendeu a deseñar sistemas operativos. Escribiu o primeiro editor de textos extensíbel Emacs en 1975, e contribuíu coa investigación en intelixencia artificial. En xaneiro de 1984 deixou o MIT para iniciar o Proxecto GNU.
Dende 1991, ano no que recibiu o premio Grace Hopper Award que entrega a Association for Computing Machinery por Emacs, foi nomeado doutor honorario de varias universidades de todo o mundo e recibiu numerosos premios. É o autor, ademais da licenza xeral GNU e desde mediados da década de 1990 dedícase fundamentalmente a promover campañas en prol do software libre.”…
Fonte: beta.mancomun.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios