O Concello das Pontes celebra o Día da Danza con clases gratuítas

34

[Diario de Ferrol] O Concello das Pontes celebra esta tarde, a partir das 16.30 horas, o Día Internacional da Danza cunhas clases abertas nos xardíns municipais. Alumnos e profesores da escola municipal encargaranse de ensinar a todo o que se achegue polo lugar os segredos da danza.


As clases comezarán ás 16.30 horas e repetiranse mañá a partir das 10.30 horas co obxectivo de continuar festexando o Día da Danza.
Pero, ademais de baile, a programación cultural do Concello para esta fin de semana inclúe tamén actividades vencelladas coa astronomía, o teatro e o cine galego. Así, o Mercado Vello trasformarase mañá nun planetario inchable no que os máis novos da casa poderán achegarse ó mundo das estrelas e ó sistema solar. Cincocentas estrelas, as principais constelacións, o movemento dos planetas, as diferentes fases da lúa ou os puntos cardinais son algúns dos atractivos que presenta esta mostra coa que se pretende celebrar o Ano Internacional da Astronomía. A entrada ó Mercado Vello será completamente gratuíta e contará cunha guía que irá explicando a todos os visitantes as diferentes constelacións así como as dúbidas que poidan xurdir arredor da mostra. Ademais, dirixida ós máis cativos levarase a cabo unha sesión de contacontos. A exposición conta co patrocinio do Concello e de Caixanova.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios