A OSLUSC inicia mañá o Fiadeiro de Localización cun gran éxito de asistencia

84

Lendo mancomun.org:
“Achegar as técnicas de tradución ao galego de aplicativos de código aberto é o obxectivo do Fiadeiro de Localización que mañá, xoves día 30 de abril, comezará a impartirse na Universidade de Santiago de Compostela. Este obradoiro, organizado pola Oficina de Software Libre da USC, xunto coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, contará coa participación de Mancomún, que colaborará achegando a súa experiencia no eido da localización ao software libre, así como fornecendo toda a documentación que, sobre esta materia, ten xerado no transcurso destes anos -Manual de Localización, glosario de termos…-.”…


…”O obradoiro pretende promover a participación da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística e de progresiva adopción do software libre na USC. Unha meta que non parece tan afastada, de térense en conta as grandes expectativas que a iniciativa está a xerar entre toda a comunidade universitaria, tal e como o demostrou a elevada demanda de prazas solicitada nos primeiros días da inscrición, obrigando aos organizadores a incrementar o número atá 50 persoas, sen acadar con isto satisfacer toda a demanda.
A este respecto, fontes próximas a organización aseguran que se está a barallar a posibilidade de repetir a experiencia como unha opción de formación regular da USC.
Ensinando a traducir programas libres
O curso desenvolverase nun total de tres xornadas, a primeira das cales terá lugar mañá entre as 11 e as 14 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Esta sesión, ao igual que no programa previsto para o vindeiro día 7 de maio, introducirá os asistentes nos distintos aspectos da tradución de software libre e das metodoloxías e estándares xeralmente empregados nos proxectos de localización.
Esta primeira acción formativa de 6 horas será impartida polos técnicos da Oficina de Software Libre da USC, a quen se unirá, na xornada do día 7, o lingüista de Mancomún, Antón Gómez Méixome.
A intervención de Méixome centrarase na exposición dos distintos recursos lingüísticos dispoñíbeis para tradutores, tales como o Manual de Localización ou o glosario de termos -elaborados baixo a coordinación de Mancomún e sobre o que traballarán os asistentes ao curso. Por outra banda, incidirá na importancia de aplicación de criterios de xestión de calidade lingüística, a xerarquización de recursos ou a relevancia dos roles asignados nos equipos de localización.
O Fiadeiro de Localización concluirá cunha sesión práctica, que se celebrará entre as 10 e as 19 horas do sábado, día 9 de maio. Esta xornada permitirálles aos asistentes poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso, para o cal se marcará como obxectivo a tradución íntegra da plataforma de desenvolvemento Netbeans co programa de CAT Omega-T.
Traballarase por equipos ou parellas que combinen coñecementos e destrezas de tipo técnico e de tipo lingüístico, creando así equipos interdisciplinares. Os resultados desta actividade terán seguimento de calidade e serán supervisados posteriormente pola organización, de xeito que os participantes poidan avaliar e mellorar a súa achega efectiva ao produto final así como avaliar e mellorar os seus coñecementos.
As conclusións e resultados serán presentados posteriormente nun acto público na ETSE, no que se distinguirá aos mellores equipos pola labor realizada e do que participarán representantes da Universidade e da Administración pública, co fin de dotar de maior proxección unha actividade orientada a fomentar o uso do galego no marco das novas tecnoloxías.
Mancomún e a localización de software libre ao galego
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia leva realizando, desde os seus comezos, un importante labor no eido da localización de aplicativos de código aberto ao galego.
O seu traballo encamiñouse tanto á coordinación da tradución de programas de gran relevancia no ámbito do software libre como a suite ofimática OpenOffice.org ou o navegador Firefox -entre outros-, como á elaboración de recursos lingüísticos que, postos á disposición da comunidade, facilitasen os traballos de localización, ao tempo que dotasen ao conxunto de traducións ao galego de calidade e homoxeneidade lingüística.
A estratexia para a promoción da localización ao galego dos aplicativos libres, como solución óptima para a superación da fenda dixital e para a defensa da independencia tecnolóxica, foi consensuada con toda a comunidade de tradutores galegos, creándose en maio de 2008 o que se deu en chamar a comunidade g11n.
A raíz deste fito, foron varios os proxectos abandeirados por Mancomún e a partir dos que recibiu o recoñecemento dos propios tradutores galegos, pero tamén da comunidade de localización internacional. Son reseñábeis, a publicación da última versión do Manual de Localización, o glosario terminográfico bilingüe inglés-galego ou as melloras realizadas ao Corpus de traducións de software Mancomún.
Por outra banda, Mancomún está a traballar, en coordinación co resto de axentes da comunidade tradutora de software ao galego, na consolidación dunha plataforma común e unha metodoloxía profesionalizada e consensuada de traballo na que se integren todos os proxectos de localización realizados pola comunidade en Galiza. Tamén se traballa en proporcionar unha infraestrutura estábel para dispoñer de memorias de tradución (MT) conforme os estándares internacionais e os compendios elaborados pola comunidade de tradutores de software libre.”…
Fonte: mancomun.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios