As Pontes viste o casco histórico de flores para a Feira dos Maios

29

[Diario de Ferrol] As Pontes celebra esta fin de semana a Feira dos Maios, unha festa coa que queren recibir a primavera. Por iso haberá un mercado con todo tipo de produtos doados polos veciños e incluso sobremesas caseiras. Abrirá as súas portas hoxe e mañá, de dez a dúas da tarde e de seis a oito.


A feira está organizada polas asociacións Veiga da Areosa e Rodríguez de Valcarce, co apoio do Concello. Durante a fin de semana o casco histórico estará engalanado con todo tipo de prantas e flores e acollerá as distintas actividades programadas.
Na tarde do sábado está prevista a celebración dunha carreira de triciclos para nenos de ata cinco anos de idade. Ademais, durante toda a xornada poderanse entregar os traballos cos que competir no concurso literario e no de debuxo, cuxo fallo se coñecerá no día de mañá. As mellores propostas recibirán un premio.
A decoración florida completarase coa elaboración dun maio coas iniciais de Ramón Piñeiro López, homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Axenda
Haberá máis opcións para pasar o día nas Pontes xa que ás once da mañá, na Casa Dopeso, está programada unha charla sobre deporte e saúde. Por outra banda, no colexio Monte Caxado hai unha festa solidaria a partir das cinco. No que queda do mes de maio sucederanse as actividades culturais no municipio. O mércores, ás 19.30 horas, o escritor Antonio Reigosa falará dos monstros, mitos e lendas de Galicia. Será na biblioteca municipal. Xa o venres 29 está previsto que se celebre, no mesmo escenario, unha sesión de contacontos, ás 18.00 horas, a cargo de Migallas Teatro. No espectáculo “Cantacontos” misturan cancións infantís con contos tradicionais e historias propias nas que serán os propios nenos os que decidan o final.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios