O Mercado Vello acolle unha mostra para concienciar á cidadanía sobre a problemática do cambio climático

50

montse.JPG
[aspontes.com] A exposición, organizada pola Deputación da Coruña, inaugurábase esta mañá pola deputada e concelleira pontesa Montserrat García.
A concelleira de Participación Cidadá e deputada provincial, Montserrat García, inaugurou esta mañá Cambio Climático. A exposición, auspiciada pola Deputación da Coruña, está composta por un conxunto de paneis, vídeos e experimentos que pretenden concienciar e sensibilizar á poboación sobre a situación actual que vive o planeta e que está a xerar consecuencias coma o desxeo nos polos, importantes secas e graves inundacións en diferentes partes do mundo.
A mostra quedará instalada na sala de exposicións do Mercado Vello ata o 30 de maio e aterra no concello pontés gracias ao gran esforzo desenvolvido polo goberno provincial para facer chegar as actividades culturais que promove a “tódolos municipios coruñeses, xa que, tal e como explicou Montserrat García, tódolos cidadáns deben de gozar das mesmas oportunidades de acceder á cultura, independentemente do tamaño do seu concello de residencia”.
No seu discurso, a tamén primeira tenente de alcalde subliñou a necesidade de que as administracións realicen os esforzos necesarios para dar a coñecer e concienciar á poboación da situación actual do planeta, como acontece con esta mostra e que, asemade, poñan a desposición da sociedade os mecanismos precisos para atallar esta problemática.
Nesta mesma liña, Montserrat García fixo un chamamento aos representantes dos diferentes centros escolares do municipio, presentes neste acto, para que tomen parte cos seus alumnos e alumnas nas visitas guiadas a esta mostra xa que, tal e como recalcou, os pequenos e pequenas de hoxe serán os que se encarguen de dirixir o mundo o día de mañá e de poñer solución á problemática medioambiental que, nestes momentos, se rexistra en tódalas partes da terra.


Ademáis da presencia da concelleira pontesa e dun gran número de representantes do tecido asociativo local, neste acto tamén estivo presente o comisario da mostra, Ricardo García Mira, que apelou á implicación de todos e todas para evitar que as consecuencias do cambio climático vaian a máis, facendo fincapé, ao igual que Montserrat García, no importante papel que xogan as diferentes administracións para dar a coñecer esta realidade á cidadanía e que os individuos poidan actuar en consecuencia.
Contidos
Esta mostra está composta por diferentes partes nas que cabe salientar un conxunto de nove paneis nos que se relata dende as causas do cambio climático ata as súas consecuencias, pasando polas medidas a tomar para atallar esta problemática.
Asemade, tamén se inclue un ordenador cun programa informático que nos permite calcular a nosa pegada ecolóxica, un panel solar e unha ecoesfera na que se recrea unha vida en equilibrio.
A exposición complétase cun documental no que se incluen diferentes imaxes da terra tomadas pola Nasa e que tamén reflicte os distintos climas que se rexistran no planeta.
Horarios de apertura
Cambio Climático estará na sala de exposicións do Mercado Vello ata o vindeiro día 30 en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 18.30 a 20.00 e os sábados de 11.30 a 13.30 horas, reservando as xornadas de mañá para as visitas dos escolares do municipio que contarán cun guía.
Asemade, o público en xeral que se pase por estas instalacións poderá recibir as explicacións e aclaracións que precise da man dun experto que estará, en todo momento, na sala de exposición pontesa.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios