BNG: MOCIÓN SOBRE DA PARTICIPACIÓN VECIÑAL NO PROXECTO DE USOS DO LAGO-ESCOMBREIRA

77

D. Xaime Castro Paz, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN SOBRE DA PARTICIPACIÓN VECIÑAL NO PROXECTO DE USOS DO LAGO-ESCOMBREIRA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Na sesión ordinaria celebrada polo Pleno do Concello o día 9 de maio de 2008, no punto 5 da orde do día, debatíase unha moción do Grupo Político Municipal do BNG sobre o lago e a escombreira, presentada no rexistro xeral o día 26 de abril (número de rexistro 3694), que pretendía rematar co período de pasividade, descoñecemento, descoordinación e incertidume que estaban -e están- a caracterizar o proceso de planificación dos posíbeis usos e aproveitamento dos citados potenciais recursos, e que estaban -e están- a xerar na poboación local certo escepticismo social e económico diante da falta de información. A proposta concretábase na elaboración dun plano de desenvolvemento sostíbel coa participación de tódolos axentes relacionados directa ou indirectamente co proxecto ( Administracións -locais, autonómica, estatal e comunitaria-, Endesa, movementos asociativos –culturais, deportivos, empresariais, medioambientais, sociais, veciñais, …-, …).
A moción resultou rexeitada con oito votos en contra do PSOE e unha abstención do PP; sentidos distintos pero argumentos similares, xa que para o PP a súa abstención estaba motivada “… porque, compartindo moitas das cousas que di a moción, …. hai cousas que non comprendo….”, e para o PSOE tiña “…un problema, … sempre hai puntos nos que podes estar de acordo e outros nos que podes estar en contra…. imos votar en contra, non por estar en contra do contido ou da valoración, …”. Non entanto, o PP, apesares da súa abstención, admitía que “…aínda non temos nada”, namentres que o PSOE afirmaba que “… xa estamos traballando dende setembro de 2007, para a creación dun comité de expertos -16 persoas-… Estamos pendentes da visita dun científico”. E todo elo nun contexto no que o proxecto de enchido está a avanzar a un ritmo superior ao previsto, chegando xa ate o 50% da súa profundidade, 20% da capacidade, coa previsión de finais de 2011 principios de 2012 para o remate.
É necesario subliñar que tanto o Estudio de Impacto Ambiental como a Declaración, cando fan referencia aos posíbeis usos do lago utilizan o termo “Imaxe Obxectivo” e establecen o seu caracter indeterminado ( “… na Imaxe Obxectivo que se determine para o lago …”, “… idoneidade ambiental da Imaxe Obxectivo finalmente seleccionada.”) e limitado polas condicións da propia DIA ( “…os posíbeis usos do futuro lago deberán ser coherentes coas características ambientais deste…”, “… a sectorización do contorno terá en conta a capacidade de acollida de cada sector do lago…”, “…os posíbeis usos recreativos ou científico-educativos que se establezan no lago non comprometerán a tranquilidade necesaria para o axeitado desenvolvemento das citadas actuacións relativas á fauna.”).
Na sesión plenaria do día 9 de maio do ano pasado, e en referencia ao proceso de enchido, o PSOE afirmaba que dispoñía de información (“…a Xunta xa anunciou que se reunirá proximamente unha comisión de seguimento onde estarán diversos organismos e o concello…. Estamos mantendo contactos. Esixindo á Consellería de Medio Ambiente información sobre o Lago. Pódoche asegurar que esa información está sendo puntual.”). A DIA establece que os informes de seguimento ambiental deberán presentarse cunha frecuencia e contidos determinados, acompañados dun cronograma de avance do proceso e das medidas protectoras e correctoras adoptadas.
De acordo coa Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de aceso á información, de participación pública e de aceso á xustiza en materia de medio ambiente, calquera administración -con competencias directas ou non en materia medioambiental- ten a obriga de garantir o dereito a recibir información sobre o medio ambiente e o aceso á información ambiental no seu poder, así como a súa difusión e posta a disposición do público. No mesmo sentido a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galiza destaca que a información ambiental é o punto de partida dunha efectiva protección do medio ambiente, establecendo o deber de basear as actuacións sobre do medio ambiente no libre aceso do público a unha información obxectiva, fiábel e completa, ademais da especial relativa a determinados expedientes sobre asuntos concretos, como fundamento dunha efectiva participación dos sectores sociais implicados e dos Concellos, non sendo de aplicación, no caso do lago, as restriccións por razóns de defensa, confidencialidade, secreto industrial, respecto da intimidade ou outra análoga.
Polo exposto con anterioridade, e coa finalidade de rematar coa pasividade, co descoñecemento, coa descoordinación e coa incertidume presentes no proceso de planificación dos posíbeis usos e aproveitamento do lago e da escombreira, e para dar cumprimento ao establecido pola regulamentación vixente sobre do dereito á información e á participación en materia medioambiental, o Grupo Político Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello das Pontes adoptar os seguintes
ACORDOS
1º.- Crear unha Comisión de Seguimento do proceso de enchido do lago e da súa estratexia de xestión, constituída por unha/un representante de cada unha das asociacións e/ou organizacións (culturais, deportivas, empresariais, medioambientais, sociais, veciñais, sindicais, políticas, …) do concello das Pontes.
2º.- Convocar a un acto de explicación dos presentes acordos a tódalas asociacións e/ou organizacións do concello das Pontes, reunión que se celebrará nun prazo máximo de quince días naturais dende o seguinte á aprobación da presente moción, e que estará presidido polo Alcalde e pola Xunta de Portavoces do Concello.
3º.- Realizar o acto de constitución da meritada Comisión no prazo máximo dun mes -natural- dende o día seguinte á aprobación da presente moción, no que tamén se debaterá e aprobará o seu regulamento de funcionamento.
As Pontes, 25 de maio de 2009
O PORTAVOZ DO G.P.M. DO BNG
Asdo.: Xaime Castro Paz

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios