UN HISTÓRICO DO FÚTBOL SALA ‘CLUB AUTOS PUENTES F. S.’

1.224

Un dos clubes históricos do fútbol sala galego e incluso español é o CLUB AUTOS PUENTES FÚTBOL SALA, entidade que pode presumir de ser un dos poucos, por non dicir o único, que mantivo ó longo da súa historia o seu nome fundacional.
Facendo un pouco de historia, podemos sinalar que en pleno auxe do fútbol sala na década dos oitenta, un grupo de afeccionados ponteses decidiron constituir no ano 1980 un equipo que durante un ano participou en torneos e partidos de carácter amigable.

Autos-Puentes-1981-82.jpg


A afección por este deporte era tal que un ano máis tarde decidiron federar o club quedando inscrito na Real Federación Española de Fútbol co nome do seu patrocinador, Autos Puentes. Así naceu o CLUB AUTOS PUENTES FÚTBOL SALA.
Nesa mesma temporada, 1981/82, inicia a súa andadura en competición oficial participando na segunda división de Ferrol, sendo o seu adestrador Angel Cabarcos, coñecido popularmente por Macanás, e a plantilla estaba formada polos porteiros Cholo e Fernando e os xogadores de pista, Gonzalo, Cebreiro, Chucho, Belucho, Antonio, Rafa, Moreno, Amador, Lito e Higinio. Despois dunha brillante campaña, sen perder ningún partido, proclamouse campión do seu grupo ascendendo á primeira división, categoría na que estivo unha temporada, pois o terceiro posto na liga 1982/83 facilitoulle o ascenso á nacente liga galega.
Na máxima categoría galega participa as catro temporadas seguintes, logrando o ascenso á Liga Nacional ó quedar en terceira posición na liguiña final. Nesta mesma temporada (86/87) proclámase campión da copa de Galicia ó gañar na final, por un claro 6-0, a outro conxunto pontés, Automóviles Luis. Final xogada no pavillón municipal da Fraga o 25 de xullo de 1987. Polo Autos Puentes xogaron a final Alberto, Fernando, Man, Javier, Moreno, Condorito e Zokis. Javier, en tres ocasións, Condorito, Zokis e Moreno foron os autores dos goles.
Durante tres temporadas (87/88, 88/89 e 89/90) participa na división de prata do fútbol sala estatal, cunhas máis que aceptables clasificacións. Sen embargo, por reestructuración de categorías, descende á nova primeira división “B”, competición na que acada o subcampionato de liga (1990/91) detrás do Academia Postal de Ourense. Nesta temporada era adestrador Pablo Prieto. Na copa de España chega á terceira rolda despois de eliminar ó Riaor de Ortigueira, Boandanza Tivoli e Parrulo Ferrari, na fase previa; Fiat Churrillo, na segunda eliminatoria, caendo diante do Egasa Chaston coruñés na terceira eliminatoria.
Dende a temporada 1991/92 ata a 1998/99 participou na primeira nacional “A”, con clasificacións aceptables dadas as propias posiblidades do club. Na temporada 1992/93 consegue a primeira Copa Diputación ó vencer ó Egasa Chaston na final disputada o 13 de xuño de 1993 no pavillón da Fraga. O tempo regulamentario rematou con empate a catro goles, decidíndose o trofeo nos penaltis. O Autos Puentes aliñara nesta final a Alberto, Walter (autor dos 4 goles), Pellón, Pepe, Josiño e Manel.
Retorna á Primeira Nacional “A” na temporada 1999/2000 tras realizar unha brillante campaña e lograr o primeiro título en categoría nacional. Dirixiu o equipo Manolo Lamas e a plantilla estivo formada polos porteiros Reina e Senén e os xogadores de pista David, Pepe, Toji, Corral, Flequi, Checo, Piña, Anxo, Acción e Susín. Como segundo adestrador, estaba David García e delegado do club Rosendo García.
Despois de vinte anos chegou unha segunda etapa con outros patrocinadores, outro proxecto e outras expectativas de futuro. Pero, por diversas circunstancias a idea non saiu adiante, e en tan só dúas temporadas e, sobre todo cando se lograra o ansiado ascenso á división de prata, o club desaparece dun xeito misterioso e sen dar explicacións ós moitos afeccionados, que a día de hoxe non saben realmente o que sucedeu. Os directivos dese momento non quixeron dalo a coñecer e esa é a débeda que teñen cos moitos afeccionados que tina este histórico club, e que hoxe recuperou en parte o actual ESTEO F.S.
OS PRIMEIROS ANOS
Os comezos non foron fáciles, pois os primeiros cinco anos o cadro pontés xogou tódolos partidos oficiais no polideportivo de Punta Arnela, de Ferrol, xa que a vila pontesa carecía de pavillón municipal. Ó inaugurarse o da Fraga, disputa o primeiro encontro oficial en As Pontes o 11 de xaneiro de 1986 na liga galega ante o que o final será o subcampión de liga, Prensa Nacional de Santiago, perdendo por 2-5.
Durante estes vinte anos o conxunto pontés tivo oito adestradores, Macanás (6 temporadas), Cholo Bouza, Carlos Pichel, José R. Silva, Roberto Amado, Pablo Prieto, Fernando Bouza (5 temporadas) e Manolo Lamas, que logrou o primeiro título de liga nacional e o ascenso á Primeira Nacional “A”.
Polas súas filas pasaron xogadores que chegaron a formar parte das distintas seleccións galegas, como Fernando, Pichel, Palotes, Andi, Fran, Marcelino, Sergio e varios do conxunto cadete, e incluso a internacionalidade coa selección española, caso do porteiro Fernando Bouza, no encontro que o combinado español xogou en Cuenca fronte a Italia co resultado final de 4-3 a favor de España.
Tamén nas súas filas tiveron cabida xogadores extranseiros, como o emblemático e gran xogador peruano Walter, hoxe nas filas do A Pontenova, o brasileiro Buda, o paraguayo Roberto Mercado e o uruguaio Rafa.
Igualmente este histórico club adicouse con especial atención ó fútbol sala de base, contando nas derradeiras temporadas cun segundo equipo que participou na liga local de As Pontes acadando varios títulos de liga de copa. Tamén tivo equipo de cadetes.
PALMARÉS
TEMPORADA 1981/82 (Segunda División Ferrol)
Campión imbatido na liga e ascenso á primeira división
Semifinalista da copa de Ferrol
Subcampión do maratón de Vilalba 1982
Semifinalista do torneo Festas de ENDESA 82

Autos-Puentes-1981-82.jpg

TEMPORADA 1982/83 (Primeira División Ferrol)
Terceiro clasificado na liga e ascenso á liga galega
Subcampión do torneo Festas de ENDESA 83 e do IV Trofeo de Reis (Lugo)
Autos-Puentes-1982-83.jpg

TEMPORADA 1983/84 (Liga Galega)
Noveno posto na liga
Subcampión do torneo Festas de ENDESA 84
Terceiro no torneo “As Pontes 84”
Autos-Puentes-1983-84.jpg

TEMPORADA 1984/85 (Liga Galega)
Cuarto clasificado na competición de liga
Vencedor do torneo Festas de As Pontes 85
Subcampión do maratón de Cedeira 84
Autos-Puentes-1984-85.jpg

TEMPORADA 1985/86 (Liga Galega)
Cuarta posición na liga
Campión dos torneos Festas de ENDESA 86 e “Borea 86”
Autos-Puentes-1985-86.jpg

TEMPORADA 1986/87 (Liga Galega)
Segundo na competición de liga e ascenso á Primeira Nacional
Campión da Copa de Galicia 86/87
Subcampión do maratón de Mugardos 86 e do das Festas de ENDESA 87
Autos-Puentes-1986-87.jpg

TEMPORADA 87/88 (Liga Nacional 1ª División)
Quinta posición na competición de liga
Campión do “Memorial Antonio Díaz Pomares” (A Coruña)
Campión do VI Maratón Festas de ENDESA 88
Autos-Puentes-1987-88.jpg

TEMPORADA 1988/89 (Liga Nacional 1ª División)
Sexto clasificado na liga
Terceiro no “Trofeo Mondoñedo 88”

TEMPORADA 1989/90 (Liga Nacional 1ª División)
Descenso de categoría
Campión do maratón “Festas de As Pontes 90”
Autos-Puentes-1989-90.jpg

TEMPORADA 1990/91 (Liga Nacional 1ª División B)
Subcampión de liga e ascenso á 1ª División A
Segundo club galego na Copa de España
Autos-Puentes-1990-91A.jpg

TEMPORADA 1991/92 (1ª Nacional “A”)
Terceiro clasificado na liga
TEMPORADA 1992/93 (1ª Nacional “A”)
Décimoprimeiro na competición de liga
Vencedor do I Trofeo de Nadal de As Pontes 92 fronte ó Muebles Fembyc (4-3)
Terceiro no Trofeo Carlos III (Santiago)
Vencedor da I Copa Deputación da Coruña fronte o Egasa Chaston
TEMPORADA 1993/94 (1ª Nacional “A”)
Décimoprimeiro clasificado na competición de liga
TEMPORADA 1994/95 (1ª Nacional “A”)
Noveno posto na competición de liga
Vencedor do III Trofeo Nadal 94 de As Pontes fronte o Parrulo Indunor (2-1)
Equipo “B” campión da liga local e da copa de As Pontes
TEMPORADA 1995/96 (1ª Nacional “A”)
Décimo clasificado na liga
O equipo “B” campión da copa local
TEMPORADA 1996/97 (1ª Nacional “”A”)
Décimo clasificado na competición de liga
O equipo cadete logra o doblete (liga e copa)
TEMPORADA 1997/98 (1ª Nacional “A”)
Décimo clasificado na liga
Equipo cadete campión de liga
TEMPORADA 1998/99 (1ª Nacional “A”)
Último clasificado e descenso de categoría
Equipo B subcampión da liga local
Equipo de cadetes campión de copa e subcampión de liga
Autos-Puentes.jpg

TEMPORADA 1999/2000 (1ª Nacional “B”)
Campión de liga e ascenso á Primeira Nacional “A”
Eliminado polo Cefire Burela en cuartos de final da copa de Galicia
Equipo B subcampión da liga local e semifinalista de copa
TEMPORADA 2000/01 (1ª Nacional “A”)
Clasificado en novena posición na liga nacional A
TEMPORADA 2001/02 (1ª Nacional “A”)
Clasificado en novena posición na liga nacional A
As seguintes temporadas (2002/03 e 2003/04) pasou a denominarse Club Autos Puentes-Galparkét, desaparecendo ó remate da temporada 2003/04 cando conseguira, como primeiro clasificado, o ascenso á división de prata. Un feito que aínda hoxe moitos afeccionados non o entenden.
cartel_autos_puentes.jpg

Nova cortesía de AF, As Pontes, Maio 2009

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios