O Concello de As Pontes iniciou esta semana os traballos de reforma estética do colexio Santa María

74

A firma Construcións Canosa S.L está a ser a encargada dos traballos que se están a sufragar a través do Fondo Estatal de Inversión Local
[aspontes.com] O Concello de As Pontes ven de iniciar as primeiras obras que contarán co respaldo económico do Fondo Estatal de Inversión Local. Trátase dos traballos de mellora no centro escolar Santa María e que tiveron que comezar denantes da clausura do curso escolar 2008-2009 para que os mesmos non cadrasen co inicio do seguinte curso.


Así as cousas, e tras informar debidamente ao claustro do centro, o pasado luns a empresa Construccións Canosa S.L, responsable do proxecto, comezou co derrubamento do muro que flanquea o colexio pero non sen antes instalar dous peches de seguridade que permiten aos operarios continuar coa súa labor e aos estudantes desenvolver a súa xornada escolar con normalidade.
O proxecto, que foi adxudicado o pasado mes de abril por 166.000 euros, inclúe a construción dun novo peche perimetral que será de aceiro inoxidable e que contará con xardineiras e iluminación nocturna; a aglomeración do patio de xogos, que xa está en proceso, e a construción dunha nova zona cuberta que mesturará o cristal e o metal e que servirá para que os pequenos e pequenas se poidan resgardar da chuvia.
Outro dos cambios será a supresión do calexón lateral do centro escolar, que separaba a Praza de América da Avenida de Castelao e que o novo peche eliminará, permitindo a ampliación da beirarrúa que bordea o edificio.
Con esta última medida o centro contará cunha porta de entrada menos en relación ás que presenta actualmente xa que, rematadas as obras, tan só será posible acceder ao centro pola Rúa Ramón Cabanillas ou ben pola entrada principal.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios