Unha expedición pontesa visitará este mes o lago artificial da localidade alemana de Seftenberg

80

• Montserrat García anunciou que varios representantes das asociacións afectadas e tres concelleiros da corporación municipal integrán a comitiva que partirá o 22 de xuño
[aspontes.com] O Concello de As Pontes está a organizar unha viaxe co fin de coñecer máis polo miudo a experiencia dos veciños do municipio alemán de Seftenberg que, dende hai varios anos, contan cun lago artificial moi semellante ao que está en proceso de construcción na mina de Endesa. A iniciativa foi dada onte a coñecer pola voceira do equipo de goberno, Montserrat García, ao longo da sesión plenaria de carácter ordinario.
Se non eres un dos afortunados, podes visitar Seftenberg premendo nesta ligazón. O parecido co futuro lago das Pontes e mínimo, xa que a profundidade máxima é de 28 metros.

senftenberger_see.jpg


Segundo aclarou a tamén edil de Participación Cidadá, dous membros das asociacións de veciños de Espiñaredo, Saa, Goente e A Casilla, zonas afectadas moi directamente por este proxecto, integrarán esta comitiva na que tamén está prevista a presenza da propia concelleira; o edil de Promoción Industrial, Óscar García; o voceiro do Partido Popular, Juan Eladio Pico; un membro da Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria e un representante dos empresarios ponteses. Asemade, tamén se convidou a un membro do grupo municipal do BNG que rexeitou o ofrecemento.
A viaxe dará comezo o vindeiro día 22 e prolongarase ata o 25 de xuño, xornadas a través das cales está previsto non só que os veciños coñezan a situación actual deste municipio, mediante a voz dos propios cidadáns da zona, senón tamén as repercusións que tivo a posta en marcha do lago a nivel turístico, económico ou ambiental.
Este asunto foi anunciado ao longo do debate da moción presentada polo grupo municipal do BNG na que se esixía ao equipo de goberno a creación, denantes dun mes,dunha comisión con representantes de tódolos colectivos do tecido asociativo do municipio e a convocatoria dunha explicación pública para toda a veciñanza do proxecto.
A proposta nacionalista non recibiu finalmente luz verde por parte do Partido Socialista e do Partido Popular ao considerar, ámbalas dúas formacións, que tal comisión contaría con tantos membros que non sería operativa aínda que tanto progresistas como conservadores estiveron dacordo en contar coas ideas, e suxerencias aportadas polos ponteses e pontesas en relación a este asunto que, segundo recalcou o propio alcalde, Valentín González Formoso, non se pode decidir a través dunha moción.
A que sí que recibiu a aprobación de PSOE e PP foi a proposta do listado de obras, presentado polo BNG, en diferentes estradas do municipio co fin de esixir á Xunta de Galicia que acometa melloras na AC-101, entre As Pontes e Ortigueira, a AC-861 entre Vilalba e Ferrol ou a AG-64, entre outras.
Asemade tamén contou co apoio da cámara municipal a proposta conxunta dos tres partidos políticos en relación ao apoio á Plataforma Rumbo 21 que está a traballar en prol da recuperación da construcción civil nos astaleiros da antiga Astano.
A orde do día completouse coa aprobación da ordenanza de creación, modificación ou supresión de ficheiros de carácter persoal, dacordo coa lexislación vixente en relación á protección de datos e coa renuncia aos seus escanos dos edís nacionalistas Xaime Castro e Susana Vilaboy, que presentaron onte a súa dimisión por motivos de saúde.
Tanto o equipo de goberno coma o voceiro do Partido Popular adicaron unha agarimosa despedida a estes dous xa ex concelleiros, facendo referencia ao seu bo traballo e servizo en prol de As Pontes e dos seus veciños e veciñas.
Rogos e preguntas
No tocante ao capítulo de rogos e preguntas, ante unha cuestión plantexada dende o Partido Popular en relación á estación de autobuses da Canle IV, Valentín González Formoso anunciou que a Deputación da Coruña ven de conceder unha axuda de 300.000 euros que se destinarán ao cambio de cuberta deste espazo por unha de dúas augas, ao pintado da fachada e o arranxo dos locais interiores co fin de mellorar o aspecto estético deste edificio, namentras non se atope unha mellor solución para o mesmo.
Por outra banda, tamén está no aire o futuro do matadoiro municipal xa que, polo momento, malia os ofrecementos do concello aínda non hai unha firma interesada nestas instalacións e, dende o goberno municipal, non se descarta a posibilidade de ter que cambiar os usos para os que foi construído este espazo.
Asemade, o rexedor municipal tamén se referiu ao futuro do Plan Xeral de Ordenanción Urbana, ante as preguntas realizadas pola oposición. En relación a este asunto, o primeiro edil explicou que o seu desexo é iniciar o traballo no mesmo denantes de que remate esta lexislatura aínda que, tal e como sinalou, hai asuntos coma o lago artificial de Endesa que teñen moito que ver neste proxecto no tocante ao que se considerará como chan urbanizable, unha vez concluído o enchido do lago e rematadas a infraestructuras coas que contará.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios