O Concello pecha o programa As Pontes Aprende coa publicación dun conto e unha revista de rutas

37

[aspontes.com] O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Participación Cidadá, Montserrat García, presentaron esta mañá a publicación Contos das Pontes. Este libro recolle as diferentes historias e referencias de personaxes emblemáticos da sociedade local, coma Dona Rita ou o cura Enrique Rivera Rouco, e repartirase entre os escolares dos centros educativos do municipio xa que eles mesmos foron os autores dos dez textos recollidos nesta publicación, financiada polo concello pontés.


A iniciativa forma parte do programa As Pontes Aprende, desenvolvido polo executivo local nos colexios ponteses dende hai varios meses, e que se complementou con distintas excursións, mediante as que se achegou aos escolares aos diferentes espazos naturais cos que conta o municipio coma as Fervenzas de Somede, o casco histórico ou o lago de Endesa co fin de fomentar o respeto e coidado do medio ambiente ao tempo que se achega, aos máis novos, a riqueza histórica coa que conta o municipio.
González Formoso subliñou o importante papel que xogan as iniciativas de carácter cultural e educativo, coma a que hoxe vía a luz, para o progreso da sociedade e anunciou que a intención do goberno municipal é darlle continuidade a As Pontes Aprende con novas actividades para o vindeiro curso.
Por outra banda, o primeiro edil tamén deu a coñecer a revista 9 Rutas por As Pontes, unha colección de roteiros e fotografías elaborada a raíz das diferentes excursións protagonizadas polos alumnos e alumnas de tódolos centros educativos ponteses e que tamén se distribuirá, nos vindeiros días, entre os escolares e o tecido asociativo local.
Segundo explicou González Formoso, esta segunda publicación, tamén incluída no programa As Pontes Aprende, é unha mostra do importante potencial turístico co que conta o concello, á marxe da súa máis que demostrada relevancia industrial.
Neste senso, o primeiro edil fixo especial fincapé en paraxes coma as fervenzas de Somede ou a área recreativa do Caneiro ás que se sumará, nun futuro, o lago artificial de Endesa, e que deben ser un aliciente máis para facer do concello un interesante destino turístico.
Finalmente, a edil de Participación Cidadá quixo facer especial mención ao profesorado de tódolos centros educativos do municipio, moi implicado no proxecto xa que, segundo aclarou Montserrat García, a súa colaboura e esforzo foron claves para levar a bo porto ámbalas dúas publicacións. Nesta liña, a tamén primeira tenente de alcalde amosou a súa satisfacción ante os primeiros resultados acadados por As Pontes Aprende e ratificou as palabras do propio alcalde con respecto ás intencións do executivo local de continuar a traballar en novas propostas que continuen co camiño xa iniciado neste curso.
Excursión a Cerceda
O programa As Pontes Aprende pechará a súa primeira edición cunha excursión multitudinaria ao parque acuático de Cerceda, o vindeiro venres, e na que participarán 880 estudiantes e 200 pais e nais.
A comitiva, integrada por case unha vintena de autocares, partirá da estación de autobuses da Canle IV ás 10.30 horas para pasar a xornada neste entretido destino.
A volta da expedición pontesa está programa para as 18.00 horas e na mesma está prevista a participación do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e os edís de Participación Cidadá, Montserrat García, e Seguridade Cidadá, Javier Carballo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios