Dende o 15 de xullo os romeiros que acudan á Festa da Fraga poderán proceder á marcaxe da súa parcela

34

[RTV Eume] O Concello de As Pontes abrirá o vindeiro día 15, ás 20.00 horas, o prazo para reservar unha parcela na que construir as xa tan afamadas cabanas para a Romería da Fraga.
Así as cousas, os grupos de amigos e familias que este ano desexen tomar parte nesta tradicional romería pontesa construindo a súa cabana deberán inscribirse, dende o 13 de xullo, no rexistro do concello, adxuntando unha fotocopia do seu documento nacional de identidade, os seus datos persoais e teléfono de contacto. Asemade, tamén será posible formalizar esta inscrición nas oficinas da policía municipal en horario de tarde.


Unha vez cumprido este trámite, farase entrega dun número e dun cartel a cada responsable que, posteriormente, deberá ser colocado nun lugar visible da construcción, co fin de facer un control máis fiable dos romeiros, das cabanas e da posterior limpeza do Parque de Dona Rita, xa que, unha vez marcada cada parcela, éstas situaranse nun plano co que se poderá levar un control máis exhaustivo.
O 15 de xullo foi a data escollida polo Concello para proceder á marcaxe das parcelas, respetando os espazos de paso e identificando cada parcela co cartel entregado no momento da solicitude da autorización, xa que nesa mesma xornada procederase a realizar o primeiro control.
Segundo anunciaron dende o departamento de Seguridade Cidadá, realizaranse dúas inspeccións denantes da celebración da afamada Romaría da Fraga para evitar que algunha cabana non conte coa pertinente autorización. Asemade, mediante estas medidas o que se busca é evitar as excesivas apropiacións de espazo por parte dos grupos de romeiros e protexer unha paraxe pontesa que non pode pagar o resto do ano as consecuencias de dous días de festa.
Dende o goberno municipal, fixeron un chamamento á concienciación cidadá en prol do respeto e coidado do Parque de Dona Rita nestes días de festa, apelando ao civismo e á responsabilidade de tódolos romeiros que toman parte nesta convocatoria co fin de lograr da Festa da Fraga unha celebración respetuosa co entorno que a acolle.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios