CIG: TRABALLADORES CONTRATADOS NO PLAN E NON COBRAN OS SALARIOS

91

Dentro das obras realizadas no Concello das Pontes, financiadas no Plan E, foron contratados algúns traballadores que estaban en situación de paro e cobrando prestacións.
Como é coñecido, estes traballadores non poden rexeitar as contratacións para non perder os seus dereitos a seguir cobrando as prestacións.
Dáse a circunstancia que de no momento da realización do contrato laboral, foron advertidos pola empresa de que non tiña intención de pagar, agora, pasado un mes de contrato, uns efectivamente non cobraron o salario e outros cobraron só unha parte do mesmo.
Cando se anunciou o Plan E nas Pontes, antes das eleccións autonómicas, falouse dunha cifra importante de contratación que logo, no momento de adxudicar as obras, foi drasticamente reducida; pero o que xa é totalmente impresentábel é que, os traballadores contratados dentro dun Plan para minorar as cifras de paro, non cobren.
Neste senso, a CIG vaille solicitar unha reunión urxente á Alcaldía das Pontes para que controle o cumprimento destas contratacións e asuma as súas responsabilidades como Administración Pública que debe vixiar que as empresas adxudicatarias cumpran todas a súas obrigacións, a empezar, polo pago en tempo dos salarios dos traballadores.
As Pontes, 10 de xullo de 2009

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios