III Xornada de confraternidade de veciños da parroquia da Vilavella

237

Este domingo celebrouse na Vilavella a terceira xuntanza de veciños desta antiga parroquia pontesa. Preto de trescentas persoas procedentes das desaparecidas aldeas afincadas hoxe na propia vila pontesa e nos concellos da comarca ferrolá, así como veciños dos lugares que aínda existen nesta parroquia reuníronse nunha animada xornada de confraternidade.
Vilavella_01.jpg


O reencontro de veciños, de amigos da infancia, de coñecidos, todos cuns anos máis ás costas, escenas de apertas e bicos fóronse sucedendo segundo ían chegando ó lugar, que non podía ser outro que o que escribiu a historia desta parroquia, onde sempre se celebrou a festa, a Vilavella, á carón da súa emblemática igrexa, á beira do río Eume. A xornada, que estivo acompañada dunha boa climatoloxía, comezou cunha misa e posterior procesión, seguida de música tradicional a cargo do grupo de gaitas “Axóuxere” de Roupar e xa polo serán remataría cunha verbena amenizada polo dúo “Deno”.
Foi moi eloxiada a exposición de fotos antigas de lugares e de escenas familiares de veciños da Vilavella, que con moito esmero e agarimo preparou unha nativa desta parroquia. Escenas de vodas, festas, primeiras comuñóns, mallas, segas e outras faenas do campo e, ¡como non!, competicións deportivas, con equipo de fútbol feminino incluído foron moi comentadas ó longo da mañá mentres se ía preparando o xantar composto de empanada, paella, churrasco, viño, sobremesa e café.
Atrás queda o recordo e a nostalxia de tempos pasados dunha parroquia que nos derradeiros trinta anos, debido á explotación mineira e á expansión da central, sufriu a fragmentación do seu territorio e a desaparición de máis de vinte aldeas, tales como Acivido, Almigonde, A Barosa, Carracedo, Cartilida, Casal da Boa, Casa Longa, Castro da Uz, Ferreira, O Meidelo, Os Mouros, O Outeiro, A Palloza, A Parrocha, A Picheira, A Ponte da Pedra, O Portorroibo, Ribeirón, O Vilar e A Vilavella, lugar que hoxe está deshabitado e do que só se conserva a igrexa, o cemiterio e varias casas restauradas sen uso ningún, que ben poderían albergar un museo etnográfico ou seren utilizadas para outros fins sociais.
A PARROQUIA DA VILAVELLA
A parroquia da Vilavella é de forma irregular, cun territorio estreito e alongado que vai dende a propia igrexa ata a aldea de Rámez situada ó norte. Linda ó norte co concello das Somozas, ó sur coa parroquia de Ribadeume, ó leste coa das Pontes e ó oeste coas de Espiñaredo e Goente. Ten uns 31 quilómetros cadrados nos que viven 203 habitantes, repartidos nos lugares de Alimpadoiros (8), O Bidueiro (6), A Carballeira (6), O Castelo (3), Cheiván (4), A Esfarrapa (9), Maciñeira (24), Penapurreira (5), Rámez (3), Reboredo (11), Saa (90) e Vila (34).
A mina, hoxe sen actividade e no futuro convertida en lago, e a escombreira ocupan gran parte do seu territorio, sendo o norte montañoso, destacando a Pena da Fonte Roiva (582 m) e o Monte da Cartilida (523 m). En canto ós ríos, os principais son o Eume, Ponte da Pedra (dende Veiga canalizado) e o de Maciñeira e os regos de Cheibán e da Esfarrapa.
Na Vilavella atopáronse vestixios dos primeiros asentamentos humanos, como un vaso campaniforme (6000 e 2800 a.C.) e un torques de ouro. Tamén existen mámoas, moitas delas desaparecidas, así como o castro con tres muros paralelos de protección que estaba no lugar do Castro da Uz.
A igrexa parroquial é do século XV, sendo a súa fachada do XVIII. No seu interior conserva un retablo (s. XVIII) e unhas imaxes talladas entre os séculos XV e XVII. En Saa, o lugar máis habitado da parroquia, construíuse en 1966 a capela da Nosa Señora do Pino e máis recentemente na aldea da Esfarrapa erixiuse a nova capela de San Cristovo, antigamente situada no Vilar e que fora construída no século XVIII pola familia Fresco, veciña de dito lugar. Estes dous lugares celebrarán as súas festas patronais o primeiro domingo de setembro na Esfarrapa e o segundo en Saa.
As súas festas celebrábanse de moi antigo a finais de agosto na honra a San Andrés, pois antigamente esta parroquia era coñecida como San Andrés do Bosque.
As Pontes, 23 de Agosto de 2009 (AF)
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella
Vilavella

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios